Aros (II). O Aro dos cons en Mar de Aves
Aros Alcidae
Os aros pertencen á familia dos álcidos, que son un grupo de aves mariñas de tamaño mediano ou pequeno, propias das altas latitudes do Hemisferio Norte. Son aves compactas de cor negra nas partes superiores e branca nas inferiores. En terra pousan dereitas á semellanza dos pingüíns. De feito o nome de pingüín procede dun álcido do Atlántico Nortedesaparecido pola acción humana na metade do século XIX, o alca xigante (Pinguinus impennis) que a diferencia dos seus parentes era incapaz de voar.
Ás curtas e estreitas que non lles dan para planar, polo que no seu voar baten as ás constantemente a gran velocidade. Pasan moito tempo pousados na auga. Por debaixo da auga desenvólvense con moito xeito, impúlsanse coas ás e mergullan ata decenas de metros de profundidade.
Son piscívoros e consumen fundamentalmente peixes peláxicos. Pasan a vida no mar e só se achegan a terra para criar, polo común en cantís rochosos de illas e illotes. Poñen un único ovo ao ano.
Na plataforma continental fronte as Rías Baixas e norte de Portugal (ata os 30-40 km da costa) seica invernan miles de álcidos, a meirande parte deles xuvenís procedentes de colonias das illas Británicas e Noruega.
As especies máis habituais nos mares galegos son o aro dos cons o aro carolo e máis o aro papagaio (Fratercula arctica), aínda que este último moi lonxe da costa, contra o límite da plataforma continental. A única especie a criar en Galicia é o aro dos cons, en gravísimo perigo de extinción. As outras son exclusivamente invernantes.
Aro dos cons (Uria aalge)
ARAO / AIRO / COMMON MURRE
Uria aalge
42 cm de lonxitude × 70 cm de envergadura. Na plumaxe reprodutora, os adultos presentan cabeza, pescozo e partes superiores de cor castaña e partes inferiores de cor branca. No inverno desaparece a cor negra de meixelas e gorxa. Bico negro, forte e afiado. Os xuvenís aseméllanse aos adultos na plumaxe de inverno.
O aro é unha especie distribuída polas altas latitudes do hemisferio norte, tanto no Atlántico como no Pacífico. O Vilán de Fóra (Camariñas), no que é posible que aínda críen unha ou dúas parellas, é a única localidade de cría do aro na Península Ibérica e marca o límite sur da área de distribución da especie no Atlántico leste.
As últimas observacións de aros a criar no actual Parque Nacional son de 1989 (illa de Monteagudo, Cíes), polo que hoxe en día esta especie só está presente como invernante.
Nas augas da plataforma, por fóra das Rías Baixas, invernan miles de aros. É doado observar aros no mar entre outubro e marzo na boca das rías e no espazo marítimo do Parque Nacional.
Os últimos aros do illote Vilán de Fóra (Camariñas) é todo o que fica dos milleiros de aros que criaban na costa atlántica ibérica. O aro foi, probablemente, a ave mariña máis numerosa de Galicia ata metade do século XX, con miles de parellas espalladas por illas e illotes da costa. Nas illas do Parque Nacional existen datos de colonias numerosas en Cíes e Ons. Desapareceron de Ons en 1975 mentres que o último intento de cría dun aro en Cíes remóntase a 1989.
Un aro dos cons (Uria aalge) © Suso Framil
A hipótese máis razoable liga a extinción do aro na Península Ibérica á introdución das redes sintéticas na pesca na metade da década de 1960. As análises demográficas suxiren que o cambio das fibras vexetais ás sintéticas nas artes de enmalle provocou unha mortalidade catastrófica de adultos reprodutores.
Hoxe en día a maior ameaza para os aos aros invernantes en Galicia é a contaminación, crónica e aguda, por petróleo. A metade das vítimas directas do petróleo que derramou o Prestige no inverno de 2002-3 foron aros. Estímase que só nas augas galegas morreron preto de 45.000 aros por causa do Prestige, a meirande deles xuvenís nados en colonias da Gran Bretaña e Irlanda.
Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas
Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas
Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla
Imaxe destacada: Un aro dos cons (Uria aalge) pousado en augas das illas Cíes © Suso Framil