Arquipélago das illas Cíes. Presentación

Portada » O Parque Nacional » Arquipélago das illas Cíes. Presentación

Feb 10, 2016 | NATUREZA, TURISMO

Parque Nacional marítimo-terrestre das illas Atlánticas de Galicia(Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada).

O arquipélago das illas Cíes (Vigo) abarca 3091 hectáreas (433 terrestres e 2658 mariñas) protexidas. Está situado na entrada da ría de Vigo, conformado por tres illas principais, San Martiño ou Sur, Faro ou do Medio e Monteagudo ou do Norte. Ademáis existen illotes menores como Boeiro, Viños, Ruzo ou Carabelos.

As illas de Faro e Monteagudo son accesibles en embarcacións de pasaxe que parten de Vigo, Baiona ou Cangas de xeito regular en época estival e Semana Santa. Tamén ao longo de todo o ano sempre que o tempo o permita. A illa Sur ou de San Martiño, só é accesible en embarcación privada.

Destaca a accidentada orografía das illas, cunha altitude máxima de 197 metros no Alto de Cíes, e o marcado contraste entre o cara oeste, moi agreste, con cantís e furnas, e a cara leste, máis suave e amable. Aquí predominan os sistemas de dunas, e areais tan variados como Rodas, Figueiras, Nosa Señora, punta das Vellas, Areíña, Area Grande de Muxieiro, Cantareira e As Margaridas.

Existen excepcionais colonias de gaivota patiamarela e de corvo mariño cristado.

Na nosa navegación cara ás illas pódenos sorprender a presenza de mamíferos mariños como golfiños e arroaces. Tamén aves de paso migratorias como mascatos, pardelas ou tamén carolos e araos.

Nas illas Cíes hai un centro de Visitantes, punto de Información, cámping, aseos públicos, posto de primeiros auxilios, socorristas e hostalaría que dan servizo dependendo da época do ano. Tamén conta con áreas  de descanso e paneis informativos e interpretativos.

Existen catro itinerarios sinalizados de ida e volta, Monte Faro, Faro da Porta, Alto do Príncipe e Monteagudo ou rutas guiadas acompañados por guías intérpretes do Parque.

Lugares destacables son a Lagoa dos Nenos, os faros do Peito, da Porta e Monte Faro, os observatorios de aves da illa do Faro e Monteagudo ou tamén os miradoiros do alto do Príncipe e do alto da Campá.

Galería de imaxes: 

Imaxe destacada: Pedro Figueras

Ocaña fotografía

Paco Álvarez

Pedro Figueras

Santiago Boado Aguinaga

Sarabia fotógrafos

Wikimedia Commons

Santiago Boado Aguinaga
Author: Santiago Boado Aguinaga

Santi Boado é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago. Investigador, divulgador e redactor. Naturalista vocacional, ten formación en comercialización e información turística, interpretación do patrimonio e educación ambiental. Exerce de guía-intérprete en espazos con valor patrimonial. Tamén é guía acreditado do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e membro da Asociación de Guías Acreditados das Illas Atlánticas de Galicia-Agaia, do clube de montaña Pena Trevinca-Montañeiros de Galicia e da Seo-Birdlife.

Otros artículos