Aínda que os pobos da antigüidade, castrexos, romanos ou suevos, chegaron a estenderse por toda a costa galega, non existen datos que aseguren asentamentos en Sálvora, así que non temos documentada a presenza humana na illa até a Alta Idade Media, cando Sálvora é doada á Igrexa compostelá pola Coroa.
Xa na Baixa Idade Media a illa serviría de base para atacar o interior da ría de Arousa, ben por parte dos invasores viquingos e sarracenos ou por piratas e corsarios mais tarde, nos séculos XVI, XVII, e XVIII. Estes feitos impediron a permanencia dun poboamento estable, como tamén ocorreu en Cíes, Ons e Cortegada.
No século XVI a Igrexa entregaba a illa á nobreza, cun asentamento rexido polo feudalismo, no que os habitantes entregarían a parte das colleitas e da pesca.
Moi característico desta illa é o feito de ter sido aproveitada durante séculos, entre primeiros do XIV ata primeiros do XIX, coma un destacado lugar para o pasto de gando equino e mular principalmente.
Tamén tivo un uso cinexético. Foi coto de caza na época moderna e contemporánea, fundamentalmente de coellos e moito despois mesmo de cervos.
Instalaríase unha factoría de salgado de peixe entre 1770-1779, o edificio coñecido hoxe coma “O Almacén” , e logo, sobre 1789 tentouse crear unha pesquería de atún, á cal se lle concedería o uso exclusivo da illa até mais alá das súas augas. O fin último era repoboar a illa, pero este proxecto nunca se levou a cabo.
Así, xentes da costa poboarían a illa agrupándose no lugar onde hoxe están os restos da aldea, abandonada nos primeiros anos da década de 1970. Sen escola nin igrexa ou servizos sanitarios, os torreiros farían ás veces de mestres. O faro de Sálvora segue hoxe en día habitado, igual ca o de Ons.
Os habitantes da illa de Sálvora en época contemporánea adicabánse á agrogandeiría primeiro, cultivando centeo, patacas e millo. Contaban con vacas, ovellas, galiñas e coellos para autoconsumo. Do mar sacaban a pesca coas dornas, que sería a súa fonte principal de ingresos, e estas, a embarcación tradicional dos seus habitantes, coma en Ons.
No primeiro cuarto do século XIX unha saga familiar faríase coa propiedade da illa sendo expropiada polo Estado en 1904 aludindo intereses de defensa nacional até o 1958. Mais as pegadas que deixou o destacamento militar alí asignado son polo dagora inexistentes. Durante ese período os habitantes pasaron a ser colonos do Estado sen contraprestacións, o que lles permitiría mellorar as condicións de vida, adecuando as casas, as cortes ou as súas dornas.
Un feito significativo que marcaría a historia de Sálvora para sempre foi o terrible suceso do naufraxio en 1921 do buque correo“Santa Isabel” (02-01-1921).
En 1921 vivían na illa non máis de 60 persoas, aínda que só 25 coñeceron o naufraxio, o resto estaban no continente, en “terra”, celebrando con familiares o ano novo. Non puideron regresar a Sálvora polo temporal. Os que quedaran na illa eran sobre todo rapaces, mulleres e maiores, colaborando activamente no rescate dos náufragos. Coñecémolas como as Heroínas de Sálvora.
Cara 1970 a aldea foi abandonada definitivamente.
Continuará…
Ler tamén: O naufraxio do Santa Isabel (I)
Imaxe destacada: © Arquivo da Luz Atlántica