Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 5
A súa historia (Cambios na ocupación de Ons III)
1904
S. Mörling, S., J. Otero Patiño, J. e M. Mörling, M. (2006), reproducen un mapa deste ano no que figuran as cifras de 46 casas e 306 habitantes na illa de Ons. [Mörling, S.; Otero Patiño, J. e Mörling, M. (2006), A Illa de Ons, unha cultura, unha identidade, Xunta de Galicia. Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos]
1911
A través do contrato de arrendamento que fai o propietario da illa (o Marqués de Valladares) a Marcial Bernadal temos noticia de que na illa había unha fábrica de salgadura e que se cultivaba o millo e o centeo. [Contrato de arrendamento (1911). Documentación facilitada pola familia Riobó]
Ademais, neste ano realízase un novo padrón dos habitantes da illa, que nos proporciona a cifra de 344 habitantes. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes do ano 1911]
1921
Na acta de conciliación celebrada entre o propietario Manuel Riobó e os veciños da illa figuran os nomes de cincuenta colonos, os cabeza de familia, coas propiedades que tiñan arrendadas. Por medio do padrón sabemos que neste ano eran xa 330 os seus habitantes. Ao mesmo tempo, faise referencia a actitudes hostís previas por parte dos veciños, que solicitan o perdón do propietario, quen llelo outorga a cambio de que cumpran cos deberes e obrigas dos seus contratos de arrendamento pero tamén en cuestións de moral e deberes relixiosos. Quen realice actos delitivos e sexa condenado por eles poderá ser desafiuzado da illa xunto coa súa familia. [Acta de conciliación (1921). Documentación facilitada pola familia Riobó] [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes do ano 1921]
1929
Descrición de cédulas persoais de Ons conservada no concello de Bueu, na que se recollen cento tres nomes. Deles, cincuenta e tres figuran como cabezas de familia, dos que sete son mulleres (seis viúvas e unha cuxo marido está emigrado en América). A profesión maioritaria é a de xornaleiro (cincuenta e cinco casos), seguida da de mariñeiro (vinte e un casos); tamén se especifica que dezaseis mulleres son amas de casa, das que só unha está casada cun xornaleiro (o resto son esposas de mariñeiros). [Arquivo do Concello de Bueu (1929), “Descrición de cédulas personales de Ons”, 70/7 (sen paxinar)]
1930- 1931
O propietario da illa, Didio Riobó, solicita ao concello de Bueu un aumento na cota que paga polo arrendamento do edificio da escola e da casa do mestre. Vemos, grazas a este documento, como ante o aumento da poboación a illa se vai dotando dalgúns servizos básicos como o da educación elemental para atender aos nenos que nela vivían. Neste ano estamos a falar xa de 378 veciños en Ons.
[Arquivo do Concello de Bueu (1930- 1931), “Arrendamientos. Escuela de Ons”, 236/ 30 (sen paxinar)] [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes do ano 1930]
1934
De novo a través do propietario da illa coñecemos o estado de abandono da escola e casa do mestre. Nesta ocasión, Didio Riobó ameaza ao concello con rescindir o contrato se non a arranxan e poñen fin ao deterioro da mesma. [Arquivo do Concello de Bueu (1934), “Expedientes de Educación. Petición de arreglo de la escuela de Ons”, 1357/18 (sen paxinar)]
1935
Un expediente conservado no Concello de Bueu infórmanos da comparecencia, no mes de novembro, de Didio Riobó en dito concello para informar da celebración de reunións por parte dos veciños da illa, nas que se ameazaría a aqueles outros habitantes que non secundaban os propósitos dos organizadores, e nas que tamén se ameazaría ao propietario. A fin da comparecencia é deixar constancia destes feitos, como medida preventiva por se se chegaran a producir alteracións da orde. [Arquivo do Concello de Bueu (1935), “Policía Municipal. Orde Pública. Expediente relativo a posibles altercados en las Islas Ons compareciendo para informar sobre ello a Don Didio Riobó Bustelo”, 1250/ 27 (sen paxinar)]
1939
Por medio dun listado de habitantes da illa realizado para o racionamento de víveres coñecemos o número de habitantes no ano no que rematou a Guerra Civil, e que nos confirma a tendencia ao incremento da poboación: 385 habitantes. Ao mesmo tempo, a través das peticións de gran e outros produtos básicos podemos comprobar como a influencia da guerra se sentiu de cheo na illa, e a fame probablemente fose unha realidade cotiá durante a posguerra. [Arquivo do Concello de Bueu (1939), “Expediente de relación de los habitantes de a Illa de Ons para el efecto de racionamiento de víveres”, 1135/3 (sen paxinar)]
1940
Semella que a Guerra Civil non tivo grande impacto na poboación da illa: un ano despois de que esta rematara, o padrón recolle 421 veciños, superando así o anterior rexistro do ano no que comezou o conflito, 399 veciños. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes dos anos 1936 e 1940]
1950- 1951
Co aumento do número de habitantes na illa (456 segundo o padrón de 1950) aumentan tamén as necesidades da poboación, o que leva a que se teñan que emprender unha serie de obras para garantir que se cubran as necesidades básicas da poboación. Así, podemos comprobar por exemplo como no ano 1950 se levaron a cabo unha serie de obras para construír o peche do cemiterio de Ons ou a construción de numerosos lavadoiros e fontes. [Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra (1950), 2527, Exp. 12/ 4, e Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra (1950), 2527 / 3, Exp. 13/ 4] [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes do ano 1950]
1958
De novo grazas á preocupación pola educación coñecemos datos relativos á ocupación da illa. Nesta ocasión trátase dunha carta da mestra de Ons na que solicita que o plan de electrificación da illa se amplíe ata abarcar tamén a escola, que inicialmente quedara á marxe. Sabemos grazas a isto que a escola da illa seguía a funcionar nestes anos, e que se estaba a levar a cabo a electrificación da mesma. [Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra (1958- 1959), “Junta Provincial de Electrificación. Ayuntamiento de Bueu: Expediente de mejora de electrificación rural en la Illa de Ons en los lugares de Pereiro, Escuela, Co(cortado) Pólvora, Curro, Caño, Labenco, Faro, Cocorno y Centulo”, 2595/5 (sen paxinar)]
1959
Consérvase no Arquivo da Deputación de Pontevedra certa documentación que fai referencia ao plan de electrificación da illa de Ons, acometido neses anos. Entre outra información, fálase de que vivían nela setenta e dúas familias. [Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra (1959), “Expediente de electrificación de la Illa de Ons. Bueu”, 2091 / 6]
1960
Atendendo aos datos que figuran nos padróns de habitantes conservados no Arquivo do Concello de Bueu, neste ano acadaríase a cifra máis elevada de habitantes na illa: 482. A partir deste momento, comeza un descenso de entrada paulatino (475 en 1965), pero que se acelerará na década seguinte. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes dos anos 1960 e 1965]
1961
Seguimos a atopar mostras do decorrer cotián da vida na illa, que leva a afrontar tarefas como a reparación da escola, de camiños e dos lavadoiros de Pereiró, Canexol e Cucorno, e das fontes de Pereiró e Canexol, así como a construción dun novo lavadoiro en Caño. Isto responde ás necesidades da poboación: aínda que xa comezara o descenso da mesma, seguía a ser de máis de 400 habitantes, o que explica a demanda destes servizos. [Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra (1961), 2527 / 19, Exp. 33/ 4]
1975
O descenso poboacional faise cada vez máis acusado, e así no último ano da ditadura franquista a cifra de habitantes segundo o padrón municipal baixa ata os 135 veciños: 340 menos que dez anos antes. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes dos anos 1965 e 1975]
1981- 1991
Xa en plena democracia, constátase o despoboamento case total da illa: no censo de 1981 aparecen só 21 habitantes en Ons, cifra que segue a diminuír progresivamente (18 habitantes en 1986). Do ano 1991 é o último padrón con datos reais de ocupación das vivendas, e nel figuran 19 veciños censados. [Arquivo do Concello de Bueu, Padrón de habitantes dos anos 1981, 1986 e 1991]
1996- 2012
Desde o ano 1996 pódese observar un incremento notable da poboación censada na illa de Ons: por exemplo, de 19 veciños que figuraban en 1991 pasamos a 58 en 1996. No 2000 serían 60, no 2005 serían 70, 80 no 2010 e a cifra máis recente é a dos 81 veciños que figuran no padrón máis recente, o de 2012. Este feito obedece a distintos factores, como a pertenza a Parques Naturais ou o litixio pola posesión das vivendas, entre outros. [Concello de Bueu, Padrón de habitantes dos anos 1996, 1997, 1998, 2000, 2005, 2010, 2011 e 2012]
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada
Imaxe destacada: cara oeste da illa de Ons © Arquivo da Luz Atlántica