Carráns (I). O carrán común por Mar de Aves
Carráns
Carráns Laridae
Os carráns conforman, xunto con outras especies de “andoriñas de mar” e máis coas gaivotas, a familia dos láridos (Laridae). Son aves mariñas de tamaño mediano ou pequeno co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris clara e o resto do corpo de cor branca. No período estival adoitan presentar unha “boina” negra ata os ollos que perden total ou parcialmente no inverno. As ás son longas, finas e afiadas, e teñen o rabo fendido. As patas e o pescozo son curtos. O peteiro é recto e afiado.
Voo característico, lixeiro e aboiante. Patrullan zonas de augas abrigadas a poucos metros de altura e choúpanse na auga deixándose caer en picado. No mar consumen peixe pequeno.
Só dous carráns merecen a consideración de especies comúns en Galicia e nas Rías Baixas: o carrán carrán e o carrán cristado, especialmente o segundo. Ningunha delas cría en Galicia.
Cando menos outras tres especies de carráns danse observado en augas galegas con certa regularidade, aínda que practicamente restrinxidas ao tempo do paso migratorio de outono. A máis abondosa delas é o carrán ártico (Sterna paradisea).
Tamén son observables algunhas especies de andoriñas de mar propias de humedais da beiramar e do interior.
Premer sobre as imaxes para as poder ampliar:
CARRÁN CARRÁN OU COMÚN (Sterna hirundo)
CHARRÁN COMÚN / GAIVINA / COMMON TERN
Sterna hirundo
33 cm de lonxitude × 80 cm de envergadura. É un carrán pequeno de patas vermellas. As ás son longas e estreitas e ten o rabo fendido. Polo verán presenta unha boina negra sen crista que lle chega ata os ollos, e bico é vermello coa punta negra. No inverno desaparece parte da boina de cor negra e o bico vira a negro. Os xuvenís aseméllanse moito aos adultos na plumaxe de inverno.
É un ave mariña cunha cunha ampla distribución polo Hemisferio Norte que adoita criar en augas interiores. Non aniña no Parque Nacional nin no resto de Galicia. De feito, a badía de Santander é a única localidade de cría deste carrán no Atlántico Norte Ibérico.
Especie migradora. Fóra do paso de outono (xullo-outubro), non é doado observar ao carrán carrán nas Rías Baixas.
Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas
Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas
Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla
Imaxe destacada: Carrán común (Sterna hirundo) en voo por Wikipedia