Científicos de Vigo e Santiago regresarán á Antártida para estudar os efectos do cambio climático sobre as macroalgas

Portada » O Parque Nacional » Científicos de Vigo e Santiago regresarán á Antártida para estudar os efectos do cambio climático sobre as macroalgas

Xan 17, 2017 | CIENCIA

É a segunda campaña no continente xeado dentro dun proxecto estatal de tres anos de duración

Científicos de Vigo e Santiago regresarán á Antártida para estudar os efectos do cambio climático sobre as macroalgas

Analizarán o impacto da actividade xeotérmica nos procesos de descomposición das algas na liña de costa

M. Del Río | Vigo
Un ano máis, e xa van sete, científicos da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago trasladarán o seu traballo de investigación a un dos laboratorios naturais máis privilexiados do mundo, a Antártida. Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, xunto co profesor da USC Manuel García, partirán cara o continente xeado o 3 de febreiro e chegaran á base do Exército de Terra Gabriel de Castilla, na Illa Decepción, o 10 de febreiro. Dende ese momento e ata o 12 marzo realizarán nesta illa traballos de campo e experimentos de laboratorio para coñecer os efectos do cambio climático sobre as macroalgas desta zona polar. Concretamente, nesta campaña centraranse en estudar o impacto da actividade xeotérmica sobre os procesos de descomposición da materia orgánica almacenada na liña de costa e os efectos do cambio climático sobre o metabolismo das especies antárticas. Como explica o coordinador desta iniciativa, Mariano Lastra, esta é a segunda e última estadía na Antártida ao abeiro dun proxecto estatal de tres anos de duración e cun orzamento de 50.000 euros que se enmarca dentro do programa científico nacional da XXX Campaña Antártica.Antártida 2

Analizarán o impacto da actividade xeot´rrmica nos procesos de descomposición das                                                            algas na liña de costa

Na pasada campaña, desenvolvida en febreiro de 2016, os científicos galegos centráronse “en experimentos de manipulación do medio natural destinados a valorar o efecto do quentamento global asociado ao cambio climático sobre a bioquímica dos intermareais sedimentarios”, como explica Mariano Lastra. Algúns dos resultados obtidos foron presentados no 7º Congreso Xaponés de Investigación Polar a comezos de decembro, aínda que a análise do material que os investigadores trouxeron a Vigo na pasada campaña non rematou. Nesta nova expedición polar, os científicos volverán traballar na Illa Decepción, que en realidade é a parte superior do cráter dun volcán en activo situado no arquipélago das Shetland del Sur, o cal rexistrou a súa última grande erupción en 1969. Nesta ocasión, o traballo dos investigadores galegos desenvolverase na baía Telefón, unha zona con augas termais e fumarolas, a diferencia da baía Foster na que traballaron na pasada campaña, e cuxas praias non eran quentes. Unha das hipóteses de partida do seu proxecto é que tanto as elevadas temperaturas como os gases emitidos pola actividade volcánica que caracteriza esta zona afectan aos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición da biomasa de macroalgas que as mareas depositan en grandes cantidades nas praias da illa. Neste plantexamento continuarán traballando nesta campaña, xa que como indica Lastra as mostras obtidas na pasada campaña e xa procesadas “están ofrecendo datos moi interesantes sobre a biodiversidade de zonas quentadas xeotermicamente”.

Sétima campaña antártica viguesa

Para Lastra esta é a sétima estadía na Antártida, xa que previamente o Ministerio de Economía e Competitividade financiou outros dous proxectos dentro dos cales se desenvolveron cinco campañas polares. A experiencia e bagaxe previas facilita o proceso de adaptación a unha contorna de traballo con temperaturas e clima extremos e de condicións de vida con bastantes limitacións e a 13.000 km da casa. A campaña deste ano comprende do 3 febreiro ao 13 de marzo e o equipo voará a Arxentina para embarcar no Herpérides en Punta Arenas, Chile, para chegar a Illa Decepción previsiblemente e dependendo das condicións meteorolóxicas o 10 de febreiro. Así, os científicos galegos formarán parte da última quenda de investigadores que cheguen á Gabriel de Castilla nesta tempada e, “ao igual que o ano pasado seremos os encargados de pechar a base ata a seguinte campaña”. Para esta de 2017, tanto os equipos militares como os primeiros grupos de científicos xa están na base, traballando en quendas no seus respectivos proxectos.

O transporte das mostras e os experimentos a España, un dos pasos máis críticos

O traballo científico e a convivencia nunha base científica militar no continente xeado non son sinxelas, pero Lastra destaca que “tendo en conta que estábamos nun ambiente polar, foron excelentes” a pesar dunha climatoloxía un tanto extrema, aínda sendo verán austral. Porén, o científico recoñece que “traballamos moi ben, aínda que algúns episodios de mal tempo nos fixeron temer polos traballos e os experimentos”, que finalmente se puideron finalizar e acadar os obxectivos previstos. Pola contra, un dos puntos críticos da expedición está no transporte das mostras para que cheguen a Vigo intactas. “As mostras son moi delicadas e precisan unha cadea de frío constante de -20ºC e calquera contratempo pode dar ao traste co traballo de toda unha campaña”, explica Mariano Lastra. Neste sentido, o tempo que pasa unha mostra dende que sae dos conxeladores da base ata que chega ao Hespérides debe ser o mínimo posible, e unha vez a bordo volve conxelarse a -20 e así chega a Cartaxena tras un mes de navegación. O último paso faise por estrada ata os laboratorios da Facultade de Ciencias do Mar, un proceso moi delicado que precisa da implicación e coidado de todos os actores.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...