Cuncha de mexillón coma descontaminante do mercurio

Portada » O Parque Nacional » Cuncha de mexillón coma descontaminante do mercurio

Xul 29, 2016 | CIENCIA

Unha tese demostra o potencial da cuncha de mexillón como descontaminante de mercurio. O estudo foi presentado este curso na Facultade de Ciencias por Susana Peña.

A contaminación por mercurio xera unha gran preocupación debido á súa elevada mobilidade no medio ambiente e á súa capacidade de bioacumularse na cadea trófica e polo tanto afectar ao ser humano. En resposta a este problema, entre outras liñas de actuación, trabállase no estudo da capacidade que teñen diferentes materiais absorbentes para inmobilizar este metal pesado. Na súa tese de doutoramento, a investigadora Susana Peña puxo a proba esta capacidade no caso da cuncha de mexillón, tendo en conta que Galicia é, tras China e Tailandia, un dos maiores produtores mundiais deste produto. Os resultados demostran o alto potencial descontaminante de mercurio da cuncha de mexillón.

A tese, presentada este curso na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, foi dirixida polo profesores da Universidade de Vigo Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias e levou por título Influencia dos procesos edáficos na distribución de Hg en solos naturais e aplicación de residuos agroalimentarios na inmobilización de Hg. O estudo, explica a investigadora, marcouse tres obxectivos principais. O primeiro foi coñecer o papel dos compoñentes dos solos e dos procesos edafoxenéticos na distribución e comportamento xeoquímico de mercurio en solos non contaminados con este metal. O segundo foi estimar os factores de enriquecemento de mercurio que presentan os solos. Por último, a investigación avaliou “a potencialidade da cuncha de mexillón, un residuo de baixo custe derivado da industria alimentaria, na eliminación de mercurio en masas de augas contaminadas”.

A elección deste material para a realización do estudo, apúntase na tese, debeuse á relevancia que ten no sector produtivo galego. Segundo os datos recollidos nela e tomados do Instituto Galego de Estatística, a produción de mexillón en Galicia no ano 2012 ascendeu a 227.233 toneladas, correspondendo a algo máis do 12% da produción mundial. “Estímase que arredor de 120.000 toneladas de mexillón son procesadas cada ano en Galicia pola industria conserveira, xerándose grandes cantidades de residuos, principalmente cunchas”, comenta a doutora. A cuncha supón arredor dun 32% do peso total do mexillón, polo que en Galicia a cantidade de residuo de cuncha de mexillón xerado variaría entre 65.000 e 94.000 toneladas, dependendo da produción anual. Dada esta elevada cifra, comenta Susana Peña, xorde a necesidade para o sector de buscar alternativas de reutilización destes residuos co obxectivo de minimizar os riscos ambientais que poidan derivarse da súa acumulación no medio natural ao mesmo tempo que se abren novas fontes de ingresos.

Resultados mellores con cuncha calcinada

Segundo recolle o investigación, a pesar de que existen estudos sobre o uso da cuncha de mexillón para a depuración de augas e estudos doutros materiais para inmobilizar mercurio, a capacidade de adsorción de mercurio por parte de material derivado dos residuos de cuncha de mexillón apenas foi avaliada con anterioridade. Esta alternativa foi analizada por Susana Peña na súa tese de doutoramento valorando diferentes graos de procesamento previo da cuncha de mexillón (moenda fina, moenda grosa e calcinado) e tamén valorando a interferencia na inmobilización de mercurio pola cuncha de mexillón por parte doutros elementos habituais en augas contaminadas, como fósforo. Durante a investigación realizáronse experimentos de adsorción-desorción de mercurio empregando dúas aproximacións metodolóxicas diferentes, tipo batch e en cámara de fluxo axitado.

Na investigación atopouse que “a cuncha de mexillón calcinada é o material co máis alto potencial de adsorción de mercurio e a porcentaxe máis baixa de desorción de mercurio entre os tres tipos de cuncha estudados”. Esta cuncha calcinada amosou tamén a porcentaxe máis alta de calcita na súa composición e a única que contiña dolomita. “A alta irreversibilidade dos procesos de adsorción amosa o alto potencial descontaminante da cuncha de mexillón calcinada”, sinala a investigadora. Como mostra do seu potencial para purificar auga contaminada con mercurio, indica que nos experimentos con cámara de fluxo axitado realizados un solo gramo de cuncha de mexillón calcinada podía reducir á metade a concentración de Hg2+ nun volume de auga contaminada próximo aos 500 ml. A presenza de fósforo, detectouse no estudo, aumenta a adsorción de mercurio por parte das mostras de cuncha nos dous tipos de aproximacións experimentais avaliadas. “Tanto a cuncha calcinada como a triturada serían útiles para a eliminación de mercurio, tanto en presenza como en ausencia fósforo en disolución, obténdose mellores resultados coa calcinada pero coa contrapartida dun maior custe de produción na obtención deste residuo”, afirma a investigadora.

“Dada a eficiencia e utilidade deste sistema na purificación de auga contaminada con mercurio sería oportuno profundar na investigación co fin de lograr procesos que conduzan a un maior rendemento destes sistemas baseados en adsorbentes de baixo custe”, indica por último a investigadora, que realizou a súa tese no marco da Agrupación Estratéxica Centro de Investigacións Agroalimentarias e do Grupo de Investigación AA1 Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo.

DUVI. Rosa Tedín | Ourense

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...