A Costa da Morte é o último lugar da Europa continental no que se pon o sol durante dous meses ao ano

Portada » O Parque Nacional » A Costa da Morte é o último lugar da Europa continental no que se pon o sol durante dous meses ao ano

Dec 15, 2016 | CIENCIA

A Costa da Morte é o último lugar da Europa continental no que se pon o sol durante dous meses ao ano

Un estudo do catedrático Jorge Mira identifica cinco puntos da xeografía atlántica europea, entre eles Galicia, nos que se produce ao longo do ano o último solpor na Europa continental

 

Entre o 24 de marzo e o 24 de abril e dende o 18 de agosto ao 19 de setembro, Cabo Touriñán na Costa da Morte é o último lugar da Europa Continental no que se pon o sol. No período dun ano, non existe un único punto xeográfico dende o que contemplar o último solpor nesta parte do planeta, senón que é un privilexio de cinco localizacións da costa atlántica europea repartidas entre España, Portugal e Noruega. O catedrático de Electromagnetismo Jorge Mira Pérez acaba de publicar un artigo no que rastrexa A última posta de sol na Europa continental, título do artigo que acaba de publicar na revista ‘Cartography and Geographic Information Science’, incluída entre as de máis alto impacto no ámbito temático da Xeografía.

Xunto aos períodos nos que este último solpor se pode observar dende terreo galego, Jorge Mira sinala outros catro emprazamentos: entre o 19 de outubro e o 21 de febreiro estaría localizado no Cabo de São Vicente en Portugal, ao que toma o relevo Cabo da Roca, tamén en terreo luso, entre o 21 de febreiro e poucos días despois do equinoccio de primavera e dende uns días antes do equinoccio de outono ata o 19 de outubro. As outras dúas localizacións destacadas son un lugar próximo a Aglapsvik no sur continental de Tromsø (Noruega) aproximadamente do 24 de abril ao 1 de maio e do 11 ao 18 de agosto, e unha localización no municipio de Måsøy ao sur de Havøysund, tamén en Noruega (aproximadamente do 1 ao 11 de maio e do 1 ao 11 de agosto).

O traslado deste singular punto de referencia ao longo da xeografía atlántica asóciase “á cambiante orientación do eixo de rotación da terra con respecto ao Sol”. Como explica o autor do traballo, os cálculos teóricos das horas de saída e posta do sol aplícanse só a nivel do mar. Explica tamén que os tempos reais en que se observa que o sol sube e se establece nun lugar particular diverxen do cálculo teórico “debido ás condicións atmosféricas, a presión e a composición atmosférica e outras variables tales como os efectos da refracción atmosférica no tempo de posta do sol en latitudes máis altas, que crean discrepancias aínda maiores na área ártica”.

jorge-mira-02

O profesor Jorge Mira

O profesor Mira concreta que nas datas en que a posta de sol cambia dun punto a outro, “oscilan entre un día e o seguinte cun período duns anos, principalmente debido ao calendario de ano bisesto, ao igual que os dos equinoccios e solsticios”. Como curiosidade, o catedrático de Electromagnetismo apunta que en los días 24 de abril e 18 de agosto o momento de último solpor europeo, que se produce simultaneamente na Costa da Morte e nun lugar próximo á cidade norueguesa de Tromsø, coincide co do último solpor do continente africano.

Amencer

No mesmo artigo Jorge Mira tamén localiza o primeiro punto no que se pode contemplar o amencer de España. Contra a crenza de que se produce no punto máis oriental de España, cerca de Mahón -na illa de Menorca-, “atopámonos que iso non é así durante todo o ano, senón que nun período de catro meses, dende o 21 de abril ao 21 de agosto, ese primeiro amencer en España prodúcese en Cabo de Creus en Girona”.

Fonte: Gabinete de Comunicación da USC

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...