Gaviota patiamarilla (es)/ Gaivota patiamarela (gl) /Kaio hankaoria (eu)/Gavià argentat (ca)/Gaivota-de-patas-amarelas (pt) / Yellow-legged gull (en)
É a ave máis abondosa e doada de mirar entre a fauna alada do Parque Nacional. A gaivota patiamarela (Larus michahellis) é unha especie sedentaria que permanece case que todo o ano nas illas, con colonias de importancia internacional.
En setembro moitas gaivotas abandonan as illas para reocupalas en marzo. En total suman sobre 16.000 parellas reprodutoras das que, aproximadamente 7000 concéntranse nas illas Cíes, 6000 en Sálvora, 3000 en Ons e unhas poucas no illote de Malveira Grande (Cortegada).
Mide sobre 60 cm de lonxitude e uns 130 cm de envergadura co plumaje de ambos os sexos similar.
Son oportunistas, xeneralistas, pouco especializadas, fortes e de peteiros robustos. As adultas diferéncianse pola plumaxe branca predominante, agás na parte superior das ás e do dorso, que é de cor cincento prateado. As plumas das puntas son de cor negra.
O peteiro dos adultos é amarelo cunha mancha vermella no extremo inferior, lugar de reclamo para os pitos á hora de alimentarse polo regurxitar do alimento. Ambos sexos intercámbianse para chocar os ovos e alimentar ás crías.
Contan cun anel ocular vermello e patas amarelas.
O período de cría da gaivota patiamarela transcorre dende abril a primeiros de agosto, sendo o máis habitual que poñan entre 2/3 ovos. Os niños establécense no chan, entre bloques de pedras ou na vexetación baixa dos cantís.
Estes ovos son de cor parda, e serán incubados durante case 30 días, resultando daquela o pito, que camiña ás poucas horas de nacer polos arredores do niño (nidífugos). Completa o seu crecemento nun mes e medio, voando despois dunhas 6 semanas.
Os inmaturos de primeiro ano teñen unha cor parda, lucindo no segundo un dorso cincento claro. Ao terceiro ano, os xuvenís ou subadultos van adquirindo a súa tonalidade característica. Entre o terceiro e quinto ano de vida xa se converten en adultos reprodutores.
Na nosa visita ás illas debemos ter en conta que nos atopamos no seu medio, no seu ecosistema e hábitat. Por iso teremos que respectalas e prestar especial atención no período de reprodución e cría, cando defenden con celo os seus intereses. Proporcionarlles alimento é unha actitude de todo irresponsable, así como molestalas e incomodalas. Están na súa casa. Nós, somos invitados que debemos limitarnos a gozar da súa presenza e contemplalas a certa distancia, e con respecto. Máis aínda na tempada de reprodución, incubación e cría.
Imaxes:
– Subadulto gaivota patiamarela: “Gaivotas Ribeira Galicia 060521 4” by Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga Commons)(Lmbuga Galipedia) – Commons.. Licensed under CC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons.
– Adulto e xuvenil de gaviota escura: “Larus fuscus graellsii1“. Licensed underCC BY-SA 3.0 via Wikimedia Commons.