Gaivotas (III). A gaivota escura por Mar de Aves

Portada » O Parque Nacional » Gaivotas (III). A gaivota escura por Mar de Aves

Nov 21, 2017 | NATUREZA

Gaivotas (III). A gaivota escura por Mar de Aves

Gaivotas

Gaivotas Laridae

As gaivotas son aves mariñas de tamaño mediano ou grande co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris e o resto do corpo de cor branca. Forman, xunto cos carráns, o grupo dos láridos (Laridae).

As especies máis pequenas adoitan presentar unha carapucha escura polo verán.

Os xuvenís das especies grandes son de cor parda e riscada e botan de tres a catro anos en acadar a plumaxe adulta en sucesivas mudas. Nas gaivotas pequenas as etapas xuvenís duran un par de anos e caracterízanse igualmente por un plumaxe apardazado.

As gaivotas son un grupo cosmopolita que está presente nunha gran variedade de hábitats, mesmo as hai que ocupan hábitats de interior e media ducia de especies son capaces de vivir e reproducirse nas cidades.

A súa dieta é moi variada e son moitas as especies de gaivota que saben como tirar partido dos recursos que o ser humano rexeita ou desaproveita.

Ata cinco especies de gaivota poden ser consideradas como habituais nas Rías Baixas. Tres delas, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e máis o gaivotón aniñan nas illas do Parque. As outras dúas gaivotas habituais nas rías Baixas son a gaivota chorona e a gaivota de cabeza negra. A chorona é abundante entre setembro e abril, porén a gaivota de cabeza negra é escasa e localizada tanto no tempo como no espazo.

A única especie de gaivota que cría en Galicia e non cría no Parque Nacional é a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla). Esta pequena gaivota peláxica ten o seu único lugar de aniñamento nas illas Sisargas (Malpica) e trátase dunha poboación en grave perigo de extinción.

Nas Rías Baixas é posible observar algunha especie máis de gaivota, polo xeral en moi escaso número e principalmente durante o inverno.

GAIVOTA ESCURA (Larus fuscus)

GAVIOTA SOMBRÍA / GAIVOTA-D’ASA-ESCURA / LESSER BLACK-BACKED GULL
Larus fuscus

55 cm de lonxitude × 120 cm de envergadura. É unha gaivota grande co manto de cor gris lousa e as patas de cor laranxa. Os xuvenís son pardos.

Especie migradora distribuída polas costas do Atlántico Leste e por Siberia. Nas Rías Baixas aniñan entre dúas e tres ducias de parellas, todas elas no Parque Nacional, maiormente na illa de Sálvora. A poboación reprodutora de gaivota escura no Parque representa unha parte considerable das gaivotas escuras ibéricas (entre un cuarto e un terzo). No Parque tamén crían en Vionta e Onza.

Común nas Rías Baixas e no Parque Nacional durante os pasos migratorios (principios de outono e da primavera) e durante o inverno, período no que é doado atopar gaivotas escuras en tódolos bandos de gaivotas grandes. Durante os pasos obsérvanse bandos por veces numerosos de gaivotas escuras. Atópanse tanto en zonas de augas abrigadas e de esteiro como nas praias máis expostas.

Sisargas 2010 091-min

Parella de  de gaivotas escuras (Larus fuscus) nas illas Sisargas © Suso Framil

Pénsase que colonizaron Galicia na década de 1970 (Rafael 1977). Entre Sálvora e Sisargas (Malpica) xuntan máis do 90% das gaivotas escuras galegas. Hai anos que as poboacións galegas de gaivota escura semellan estar a devecer, se cadra cunha taxa de declive preocupante.

Gaviota sombria

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: Parella de  de gaivotas escuras (Larus fuscus) nas illas Sisargas © Suso Framil

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos