Gaivotas (III). A gaivota patiamarela por Mar de Aves

Portada » O Parque Nacional » Gaivotas (III). A gaivota patiamarela por Mar de Aves

Nov 30, 2017 | NATUREZA

Gaivotas (III). A gaivota patiamarela por Mar de Aves

Gaivotas

Gaivotas Laridae

As gaivotas son aves mariñas de tamaño mediano ou grande co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris e o resto do corpo de cor branca. Forman, xunto cos carráns, o grupo dos láridos (Laridae).

As especies máis pequenas adoitan presentar unha carapucha escura polo verán.

Os xuvenís das especies grandes son de cor parda e riscada e botan de tres a catro anos en acadar a plumaxe adulta en sucesivas mudas. Nas gaivotas pequenas as etapas xuvenís duran un par de anos e caracterízanse igualmente por un plumaxe apardazado.

As gaivotas son un grupo cosmopolita que está presente nunha gran variedade de hábitats, mesmo as hai que ocupan hábitats de interior e media ducia de especies son capaces de vivir e reproducirse nas cidades.

A súa dieta é moi variada e son moitas as especies de gaivota que saben como tirar partido dos recursos que o ser humano rexeita ou desaproveita.

Ata cinco especies de gaivota poden ser consideradas como habituais nas Rías Baixas. Tres delas, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e máis o gaivotón aniñan nas illas do Parque. As outras dúas gaivotas habituais nas rías Baixas son a gaivota chorona e a gaivota de cabeza negra. A chorona é abundante entre setembro e abril, porén a gaivota de cabeza negra é escasa e localizada tanto no tempo como no espazo.

A única especie de gaivota que cría en Galicia e non cría no Parque Nacional é a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla). Esta pequena gaivota peláxica ten o seu único lugar de aniñamento nas illas Sisargas (Malpica) e trátase dunha poboación en grave perigo de extinción.

Nas Rías Baixas é posible observar algunha especie máis de gaivota, polo xeral en moi escaso número e principalmente durante o inverno.

GAIVOTA PATIAMARELA (Larus michahellis)

 

GAVIOTA PATIAMARILLA / GAIVOTA-DE-PATAS-AMARELAS / YELLOW-LEGGED GULL
Larus michahellis

60 cm de lonxitude × 130 cm de envergadura. É unha gaivota grande co manto gris e coa cabeza, rabo e partes inferiores de cor branca. A cor das patas no período reprodutor vai do amarelo ao laranxa. Os xuvenís son pardos.

Distribúese pola costa Mediterránea e pola costa atlántica da Península Ibérica. Cría na meirande parte das illas e illotes das Rías Baixas e máis en tódalas cidades e vilas. No Parque aniñan ao redor de 16.000 parellas, unha parte considerable da poboación reprodutora total da especie e máis algunha das colonias máis numerosas. O reparto por arquipélago é: Cíes 7000 parellas, Sálvora 6000 e Ons 3000.

A poboación das Rías Baixas, mantense relativamente estable ao longo do ano, aínda que unha parte substancial dos xuvenís adoitan invernar no norte de Portugal. Abandonan as colonias en setembro e volven a elas a partires de marzo.

P1620871-31-min-min-min

 

Detalle cabeza exemplar adulto de gaivota patiamarela (Larus michahellis) © Gainzafer

Está por todas partes en todo tipo de hábitats do litoral. Asócianse ás embarcacións de pesca en busca de descartes e tamén é doado observar grandes bandos a pescar patexo (Polybius henslowii) un cangrexo nadador que constitúe a base da súa dieta no verán.

A poboación reprodutora desta especie no Parque Nacional veuse reducida á metade nos últimos 10 años e os datos de seguimento indican que o declinar continúa.

Gaviota patiamarilla

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: © Gainzafer

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos