Parque Nacional marítimo-terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
Os sistemas de dunas son medios cunhas condicións de extrema dureza para o desenvolvemento da flora. Hábitats que deben soportar durísimas condicións como alta insolación, seca e unha elevada salinidade. Ademais contan cun substrato moi pobre en nutrientes.
Debido aos ventos e lixeireza da area sofren movementos e cambios constantes. Características que esixen das especies alí instaladas unha alta especialización, distribuíndose as comunidades vexetais en franxas segundo a distancia ao mar.
As dunas, ao fin, son depósitos de area que o vento dominante transporta desde a parte alta do areal cara ao interior.
As praias e dunas, morfolóxica e evolutivamente dependen de varios factores coma a enerxía do medio, o grao de exposición, as correntes, a ondada e o sedimento dispoñible.
O sistema praia-duna é por tanto un ecosistema morfolóxicamente inestable, con cambios constantes, dinámicas influenciadas polos ventos, correntes e ondas, de aí a súa fraxilidade ante actuacións no litoral que modifiquen a dinámica costeira.
Atópanse en zonas resgardadas da acción da ondada onde predominan procesos acumulativos, formando sistemas sedimentarios de distinta entidade coma estes sistemas de praias e dunas que se desenvolven na marxe este das illas, cara ao interior da ría.
A primeira franxa corresponde a vexetación de praias, onde crecen especies relacionadas coas arribazóns e condicionadas pola incidencia das mareas. Destacan aquí, a eiruga mariña, a arenaria do mar e o polígono da praia.
Esta primeira fronte dunar ou dunas primarias é o que está situado máis preto da costa. Zona moi exposta á dinámica mariña e arrasada frecuentemente polas ondas. Aparece a grama mariña, con longas raíces que lle permiten fixarse ao substrato e soportar así o efecto das ondas e o vento. Xorden outras especies como o cardo mariño e a correola de praia.
As dunas secundarias forman o segundo cinto vexetal. Tamén son móbiles aínda que máis estables. Aquí instálanse unha maior variedade de especies que fixan unha gran cantidade de substrato, actuando como reserva de area que contribúe ao equilibrio da praia.
É un sistema en constante movemento, debido á acción do vento e do mar. Aparecen especies como o feo de praia, a carrasca de San Xoán, a correola de praia, leiteira, cardo mariño ou herba de namorar.
A seguinte franxa, máis afastada do mar, é a duna terciaria ou campo dunar, onde a salinidade e o vento van diminuíndo, aumentando así o número de especies vexetais onde aparece a matogueira de carrasca de San Xoán , a madroa das praias, o arrecendo das dunas, a camariña ou a armeria pungens.
En claros de dunas secundarias e terciarias crecen comunidades caracterizadas pola violeta de dunas, silene de praia e paxariños amarelos.
Actualmente son sistemas en recuperación, normalmente valados, para evitar o deterioro e a erosión que ocasionan as pegadas e o pisoteo dos visitantes, que de forma incontrolada invadían algunhas illas en tempada estival. Entre os anos 20/60 do pasado século mesmo era habitual extraer area destas dunas para a construción.
En Cíes destacan as dunas de Rodas-Muxieiro, Viños, Areíña, Area Grande de Muxieiro, Figueiras e San Martiño. En Muxieiro aparece a camariña coma un reduto do pasado.
En Ons destacamos as dunas de Canexol e Melide.
En Sálvora, as do Almacén, Bois e Lagos.
En Cortegada non se dan as condicións para que aparezan estes sistemas de dunas.
Imaxe destacada:
© Santiago Boado Aguinaga.