En xaneiro de 2015 coñeciamos o proxecto Illa Verde, promovido por ARVI, Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo. O proxecto pretende previr a contaminación mariña e contribuír a protexer a fauna e flora mariñas mediante a instalación nos buques dun colector de recollida de residuos deseñado e adaptado a cada tipoloxía de frota, para unha xestión correcta e diferenciada dos residuos que se xeran a bordo garantíndose o control na recollida en porto e o seguimento/trazabilidade dos mesmos grazas á utilización do TIC.
Preténdese, por tanto, corrixir o uso inadecuado no manexo dos residuos que se xeran a bordo dos buques e, así, evitar os graves problemas ambientais asociados que afectan negativamente á flora e fauna mariña e, indirectamente, á propia saúde das persoas e á seguridade das embarcacións.
Igualmente, a estratexia de actuación deste proxecto está encamiñada a sensibilizar ao sector pesqueiro, en xeral, e aos tripulantes das propias embarcacións participantes, en particular, creando neles unha conciencia sobre os problemas do medio mariño asociados á vertedura de refugallos ao mar, fomentando a percepción da necesidade de conservalo e protexelo, para garantir a calidade das augas e os fondos mariños, e con iso a biodiversidade e a produtividade dos ecosistemas costeiros (protección de fauna e flora acuáticas).