Larus, Michahellis e o pequeno Antón en directo en youtube

Portada » O Parque Nacional » Larus, Michahellis e o pequeno Antón en directo en youtube

Xuñ 14, 2016 | NATUREZA

O noso colaborador en materia tecnolóxica Wireless Galicia, empeza a retrasmitir en directo na súa canle de Youtube a vida dunha familia de gaivota patiamarela. 

Un ano mais reciben a visita na súa oficina dunha parella de gaivota patiamarela (Larus Michahellis). Establecen o seu niño no alto dunha terraza no medio do centro urbano da cidade de Vigo a salvo de depredadores, emulando un cantil mariño.

Bautizáronas como Larus, a femia, e Michahellis, o macho.

Durante as últimas semanas compartiron as tarefas de construción do niño ou a incubación. O pasado sábado 4 de xuño eclosionaba un único ovo, nacía así Antón, un pequeno pito que en poucos días xa adquiriu un certo tamaño. Agora os seus pais, Larus e Michahellis repártense as tarefas domésticas, o coidado de Antón, a vixilancia do niño e a procura de alimento.

Aínda que as parellas de gaivota patiamarela adoitan pór 2/3 ovos, neste caso só saíu un adiante, o pequeno Antón, que completará o seu crecemento nun mes e medio para voar despois dun seis semanas se todo transcorre con normalidade.

Son gaivotas urbanas que se alimentan de desfeitos xerados por humanos e descartes pesqueiros que axudarán á supervivencia desta pequena familia. Agora necesitan achegues calóricos extras para completar o crecemento de Antón ata que logre independizarse. Para iso, non dubidarán á hora de utilizar os seus dotes oportunistas.

 

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos