Microplásticos: os plásticos que menos se ven son os máis perigosos para o ambiente

Portada » O Parque Nacional » Microplásticos: os plásticos que menos se ven son os máis perigosos para o ambiente

Xan 24, 2017 | NATUREZA

Microplásticos: os plásticos que menos se ven son os máis perigosos para o ambiente

Se hoxe en día de súpeto se retirasen da circulación todos os obxectos de plástico non poderiamos levar unha vida normal, non obstante o plástico era un material descoñecido para a maior parte da humanidade deica a súa comercialización masiva nos anos 50. Os nosos avós viviron un mundo sen absolutamente ningún obxecto deste material, vai ti a saber cómo. Formalmente os plásticos son polímeros sintéticos, e o primeiro foi sintetizado no ano 1907 polo químico belga asentado en Nova York Leo Baekeland. Buscando un material illante para a entón emerxente industria eléctrica inventou un polímero termoestable ao que bautizou co seu nome, a baquelita, e que o fixo multimillonario.

Os plásticos máis frecuentes nembargantes son outros, os polímeros chamados termolábiles, que cambian de forma ao quentarse e conservan a nova forma ao enfriarse (de aí o nome de plástico). Estes son os que se usan para as bolsas (polietileno), os botes (polipropileno) ou as botellas de auga mineral (polietilen tereftalato).

Ademais de moldearse a calquera forma, os plásticos son baratos, lixeiros, repelen a auga, non deixan pasar o osíxeno, illan a electricidade e non se degradan, en poucas palabras: o envoltorio ideal. De aí que na actualidade se produzan 300 millóns de Ton anuais de plásticos, case a metade en Asia, e que esta cifra non deixe de aumentar (ver Gráfica). Ademais o plástico (polo menos o polímero virxe) é biolóxicamente inerte, e polo tanto completamente non tóxico. Pero non todo son vantaxes. Ao non existir bacterias capaces de descompoñelos a súa persistencia ambiental é de centos de anos, polo que unha vez liberados ao medio causan problemas estéticos, taponan o estómago de animais mariños que os inxiren, ou atrapan peixes, aves e tartarugas que quedan enganchados neles. Preocupacións todas elas de corte ambientalista, que poderían resolverse cunha mellor xestión dos residuos e un maior civismo de todos nós, pois somos nós os principais contaminadores por plástico no ambiente.

Ecimat plásticos 1

Imaxe de Chris Jordan

Pero recentemente saltaron á palestra perigos dos plásticos máis graves e incertos. Para aumentar a flexibilidade destes materiais, ao polímero virxe se lle engaden uns aditivos denominados plastificadores que son moléculas orgánicas sintéticas cun nome tan endemoniado como os seus posibles efectos crónicos, os ftalatos. Estes aditivos chegan nalgúns tipos de PVC a ser ata o 30% en peso do produto. Pois ben, parece demostrado en experimentos de laboratorio que certos ftalatos, os da familia química orto-ftalatos, son disruptores endocrinos, é dicir, interfiren co metabolismo das hormonas sexuais dos vertebrados, incluído o ser humano. O mesmo ocorre co bisfenol A, o compoñente estrutural dos plásticos de tipo policarbonato, o que se usaba deica hai nada para as botellas de auga mineral, e segue a usarse nos recubrimentos internos de latas de conserva e outros envases alimentarios. Peixes macho expostos a estes produtos sintetizan moléculas características das femias, e en casos extremos poden quedar estériles. Outros aditivos a ter en conta son os polibromados, moléculas persistentes empregadas para conferir a calquera obxecto de plástico resistencia ao lume (retardante de chama, é o nome técnico). Estas moléculas no noso laboratorio mostraron efectos teratóxenos sobre larvas de rodaballo a niveis de poucos microgramos por litro. A diferenza das cadeas do polímero, que teñen as súas moléculas constitutivas ligadas covalentemente, todos estes aditivos están soltos na malla do polímero, e poden lixiviar á auga con relativa facilidade, proceso facilitado pola alta temperatura ou a exposición á luz solar.

A estes aditivos se lle asinaron, en estudos non sempre moi realistas, todo tipo de efectos crónicos, dende causar alerxias ata cancro. Aínda que moitos destes estudos realízanse en condicións de exposición tan extremas que nunca terían lugar no ambiente, o que parece quedar claro é que estas sustancias están lonxe de ser inocuas. Estudos epidemiolóxicos certamente discutibles, asocian a exposición a ftalatos en varóns con testículos que non descenden da cavidade abdominal, malformacións do pene, menor produción de esperma e infertilidade. En nenas a exposición a ftalatos asociouse a puberdade precoz, ou desenvolvemento prematuro das mamas. Como queira que sexa diversas normativas recentes restrinxen o uso destes aditivos nos plásticos destinados a xoguetes para nenos.

Que un obxecto de plástico non se degrade non significa que permaneza indefinidamente no ambiente. O avellentamento lumínico e mecánico do plástico o vai facendo máis quebradizo e o hidrodinamismo fai que o plástico no mar se vaia fraccionando en anacos máis e máis pequenos denominados microplásticos. Ademais moitos cosméticos levan microesferas de plástico como axente emolente. A roupa sintética pola súa banda emite ao ambiente en cada lavado milleiros de microfibras deste material.

Ecimat plásticos 2

Imaxe de Chris Jordan

Se consideramos que estas partículas son biolóxicamente indestrutibles, e que como queda dito cada ano se producen 300 millóns de Ton de plástico (por certo que as políticas de reciclaxe non conseguiron, a diferenza do que ocorreu co papel, que esta cifra deixe de aumentar) o estudo dos microplásticos converteuse nunha nova moda en ciencias ambientais. Porque ademais de todo o dito dos aditivos, os microplásticos polo seu pequeno tamaño e pola súa hidrofobicidade teñen o papel de vector de incorporación á cadea trófica das sustancias tóxicas orgánicas verquidas ao mar. Estas sustancias (hidrocarburos poliaromáticos, pesticidas, fármacos) son pouco solubles na auga pero se acumulan na superficie hidrófoba das partículas de plástico e se liberan no interior dos animais mariños unha vez que estas partículas son inxeridas, pasando dun elo trófico ao seguinte ata chegar tamén aos humanos.

É unha observación universalmente recoñecida que a prevalencia de alerxias, os problemas de infertilidade e diferentes enfermidades autoinmunes como a diabete están aumentando na humanidade. Probablemente as causas sexan multifactoriais e os científicos debemos fuxir do alarmismo, pero fai reflexionar o feito de que sustancias químicas sintéticas, descoñecidas para a humanidade hai só dúas xeneracións, sexan hoxe o caldo molecular no que exercemos a nosa vida diaria. Cando os efectos destas sustancias precisan de ducias de anos para aparecer, entón non hai proba de laboratorio que poida predicilos. Os observadores das primeiras probas nucleares nos desertos de Estados Unidos presenciaban as explosións dende unha trincheira, e logo pasábanlles unha escoba para liberalos do po que o fungo nuclear creaba, ignorantes por completo do que hoxe sabemos da radiactividade.

¿Teremos tamén neste caso que aprender pola brava, ou deixaremos de liberar ao medio cantidades inxentes de sustancias artificiais das que descoñecemos por completo os seus efectos a moi longo prazo?

Ricardo Beiras

Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo

Océano ecimat, agrupación estratéxica oceanografía-ecimat

Ecimat – Universidade de Vigo

 

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos