Monte Alba, Vigo. Primavera en condicións de néboa

Portada » O Parque Nacional » Monte Alba, Vigo. Primavera en condicións de néboa

Xan 9, 2016 | NATUREZA, VIDEOBLOG

Serras prelitorais da ría de Vigo no entorno das illas do Parque Nacional.

Nas serras prelitorais da ría de Vigo, no monte Alba, as nubes cargadas de auga provenientes do Océano atravesan e sortean as illas do Parque Nacional, para descargar as súas precipitacións nesta sorte de muros que se sitúan a maior altitude que as illas e que alcanzan entre os 300 e 700 m de altitude.

É primavera e aínda que hai ausencia de sol, pouca luz, vento, choiva e néboa mesta cargada de humidade, apreciamos o proceso de floración das distintas especies de plantas que se nos presentan.

As plantacións de especies alóctonas como eucaliptos e piñeiros mestúranse con sobreviventes da flora autóctona (castiñeiros, carballos, xestas e toxos, fentos, silvas, abelouras, couselos e boubíns que se establecen sobre chans graníticos con incrustacións ás veces de seixo).

Sobreviven nun medio parcialmente humanizado, alterado e transformado pola acción humana. Monocultivos, lumes, pastos e pistas, aínda que sempre cun afán de supervivencia por restaurar a cuberta vexetal orixinal.

Acumúlanse as pingas de auga procedentes dos bancos de néboa que servirán de reserva de auga e reteñen a humidade para a época de seca estival.

Unha  abella libando néctar dá boa conta de da súa importante función como polinizadora.

Estas cadeas montañosas constitúen un cinto verde da cidade de Vigo onde abundan áreas recreativas, parques forestais e itinerarios sinalizados para o seu uso recreativo e deportivo.

 

Vídeo: © Basilio Cegarra

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos