Sálvora xa é ben de interese cultural, coa categoría de paisaxe cultural. A declaración protexe camiños, pozos, muíños, fontes, hórreos, lavadoiros, a capela, o pazo ou o peirao, entre outros elementos
Trátase do primeiro espazo natural que terá o título de BIC Paisaxe Cultural, unha categoría creada pola Lei patrimonio cultural de Galicia de 2016.
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao Decreto polo que se declara ben de interese cultural, o arquipélago de Sálvora, coa categoría de paisaxe cultural. A Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria publicará proximamente a declaración no Diario Oficial de Galicia , dándolle a este arquipélago, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, a máxima protección no ámbito do patrimonio cultural. Cómpre sinalar que se trata do primeiro espazo natural que terá o título de BIC Paisaxe Cultural, unha categoría creada pola Lei de patrimonio cultural de Galicia de 2016. Cómpre lembrar que a aprobación da declaración coincide dentro do mes abril, que a Xunta de Galicia dedica -no marco da conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural– á candidatura a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas e contribúe a darlle pulo a esta candidatura.
A delimitación do BIC coincide coa propia identificación do arquipélago na Lei de creación do parque, o que se corresponde con 2.500 Ha marítimas e terrestres pertencentes ao concello de Ribeira nas que se distinguen tres conxuntos de illas cos seus respectivos illotes e cons, en concreto o de Sálvora, o das illas de Vionta e Noro e o das illas de Sagres. O conxunto constitúe un exemplo senlleiro e case único en Galicia da evolución singular dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas de contorno, con escasos recursos dispoñibles, que desenvolve as premisas da construción tradicional do territorio nun contexto de inmediatez, illamento e extremas condicións climáticas e xeográficas. Estas características derivaron en manifestacións dun singular valor histórico e etnolóxico, que ademais se complementan con aspectos de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico e mesmo científico e técnico.
De feito, a presenza humana no arquipélago remóntase e á prehistoria. Ademais, na propia aldea de Sálvora poden atoparse o xacemento romano de Area dos Bois e dous abrigos (Punta Figueirido e Alto de Milreu) así como o cuncheiro do Almacén, un vertedoiro de lixo altomedieval. Así mesmo, hai rexistros de xacementos arqueolóxicos na illa de Vionta, a maiores doutros vestixios de patrimonio subacuático presentes no arquipélago.
Elementos inmobles
A paisaxe cultural declarada BIC está conformada por todos os terreos incluídos no ámbito da delimitación, incluíndo elementos inmobles, en especial, na illa de Sálvora, onde foi máis intenso o poboamento e as súas consecuencias construtivas. Neste sentido, a declaración inclúe o sistema viario e os muros, peches e valos. Así mesmo, distínguense os conxuntos arquitectónicos da aldea de Sálvora, do pazo-almacén que ten orixe nunha factoría de seca e salgadura de peixe e foi transformado para acadar un aspecto de residencia palatina e da telleira.
Así mesmo, inclúese o conxunto arquitectónico do faro da illa de Sálvora. Ademais, a raíz da única alegación presentada, a declaración fai mención expresa ao valor antropolóxico desta construción “polo traballo e vida de mulleres e homes que dedicaron a súa vida profesional ao seu funcionamento e que do seu traballo formaron unha vida condicionada por unhas singulares limitacións, en especial de illamento”.
“Ao ficar obsoletas as tecnoloxías que xustificaban os faros, a súa valoración cultural, ademais das súas específicas cuestións técnicas, debe completarse co recoñecemento e difusión das persoas que os manexaban e habitaban”, conclúe o texto.
O decreto enumera, así mesmo, diferentes partes integrantes incluídas na declaración, como son os hórreos, a Capela, os propios edificios do Pazo, a Telleira e o Faro; muíños, o conxunto de mesa e bancos de pedra denominados a mesa da Marquesa, o monumento á Serea, o cruceiro, o peirao, o curro das Cabras, a fonte de Santa Catalina, ou o elemento conmemorativo ao náufrago do vapor correo Santo Isabel, Carlos Verdier Escobar, entre outros.
Dalle ao play e desfruta deste espectacular audiovisual:
Tramitación
A incoación do expediente de declaración BIC do arquipélago de Sálvora publicouse no Diario Oficial de Galicia o 21 de febreiro de 2017, tras o que se abriu un período de exposición pública e se notificou aos interesados, en concreto, ao concello de Ribeira e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
Posteriormente, requiríronse os informes de órganos consultivos: Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que informaron positivamente a declaración.
No período de exposición pública só se presentou unha alegación, que foi contestada en tempo e prazo e incluída parcialmente no decreto.
Fonte: Xunta de Galicia
Audiovisual: Galicia Natural e única