Litoral rochoso na cara leste da illa de Ons nunha zona exposta protexida, en Canexol onde abondan as pozas intermareais.
As pozas de marea son pequenos espazos que quedan cheos de auga durante a marea baixa, onde se desenvolven moitas algas e animais mariños. É a zona de oscilación das mareas, a que cobre a marea alta e queda descuberta ao chegar a baixamar. Son un auténtico refuxio de vida. Aínda así non é doado, compre adaptarse.
Nesta zona intermareal os seres vivos sufren adaptacións moi específicas, apegánose ás rochas ou aproveitando as fendas. É por iso que moitos están dotados de órganos de suxeición e cubertas fortes ou corpos flexíbis fixados ao substrato rochoso.
Así, a vida neste medio está moi influenciada por este periódico ascenso e descenso do nivel do mar, o que implica que durante un prolongado período de tempo unha gran parte dos fondos submariños queden ao descuberto. Os seus habitantes teñen que desenvolver ditas estratexias para tratar de solventar estas dificultades.
En Galicia a media da variación das mareas acada os 4 m.
Estes reducidos espazos albergan polo tanto unha gran variedade de formas de vida…algas pardas, verdes ou vermellas e incrustantes. E por suposto animais mariños como mexillóns, actinias, arneiróns, caramuxos, camaróns, alevíns e pequenos peixes. Son un exemplo de adaptación ao medio.
Na imaxe destacada observamos principalmente estruga de mar, anémonas, arneiróns, caramuxos e mexillóns.
Nas imaxes submariñas podemos aprezar algas pardas como pelvetia canaliculata, leituga de mar ou berza mariña, fixadas ao substrato rochoso. Tamén animáis mariños como caramuxos, arneiróns, camaróns, alevíns e pequenos peixes.
Imaxe destacada:
Suso Framil
Vídeo:
Suso Framil