O IEO publicou unha biografía de Ángeles Alvariño co gallo do centenario do seu nacemento
Esta oceanógrafa galega publicou máis de 100 traballos e describiu 22 especies novas para a ciencia
IEO bautizou en 2012 un dos seus máis modernos buques na súa honra
Con gallo do centenario do nacemento da investigadora Anxos Alvariño, nacida en Serantes, Ferrol, o 3 de outubro de 1916, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) publicou unha biografía desta oceanógrafa que foi a primeira científica española de relevancia mundial.
O IEO acaba de publicar o libro titulado “Angeles Alvariño González, investigadora mariña de relevancia mundial”, cuxo autor é o investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, Alberto González-Garcés.
Anxos Alvariño González (Serantes, Ferrol, 1916 -La Jolla, California, 2005) foi unha prestixiosa investigadora mariña, pertencente á segunda xeración de oceanógrafas españolas, á que o IEO dedicou un dos seus modernos buques oceanográficos en 2012.
A súa carreira científica comezou no IEO (1948 -1957) e desenvolveuse no Reino Unido e nos Estados Unidos, fundamentalmente na Scripps Institution of Oceanography (1958-1969) e no Southwest Fisheries Research Center (1970 -1987), ambos en La Jolla.
Despois da súa xubilación, en 1987, continuou traballando e publicando como investigadora emérita.
Publicou máis de 100 traballos científicos de primeiro nivel en revistas e libros de distribución internacional. As súas investigacións máis relevantes centráronse no estudo dos quetognatos, animais mariños planctónicos, que Ángeles Alvariño demostrou que poderían empregarse como indicadores fiables de condicións oceanográficas determinadas. Foi, por tanto, unha pioneira na análise de indicadores biolóxicos dos ecosistemas mariños. Ademais, ao longo das súas investigacións descubriu e describiu 22 novas especies planctónicas mariñas (12 quetognatos, 9 sifonóforos e 1 medusa).
Coa publicación desta biografía, coincidindo co centenario do seu nacemento, o IEO quere contribuír a manter vivo o recordo da primeira científica española de relevancia mundial, ao ser a única incluída na Encyclopedia of World Scientist (Oakes, 2007).
O libro pode descargarse de forma gratuíta no repositorio do IEO:
http://www.repositorio.ieo.es/e-ieo/handle/10508/10396
Fonte:
Instituto Español de Oceanografía
O Instituto Español de Oceanografía (IEO), é un organismo público de investigación
(OPI), dependente da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade, dedicado á investigación en ciencias do mar, especialmente no relacionado co coñecemento científico dos océanos, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño. O IEO representa a España na maioría dos foros científicos e tecnolóxicos internacionais relacionados co mar e os seus recursos. Conta con nove centros oceanográficos costeiros, cinco plantas de experimentación de cultivos mariños, 12 estacións mareográficas, unha estación receptora de imaxes de satélites e unha frota composta por sete buques oceanográficos, entre os que destaca o Cornide de Saavedra, o Ramón Margalef e os Anxos Alvariño. O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e, en particular, o Programa Operativo de I+D+i por e para o Servizo das Empresas (Fondo Tecnolóxico), participa na cofinanciación dos buques Ramón Margalef, Ángeles Alvariño e Francisco de Paula Navarro, así como no Vehículo de Observación Remota (ROV) Liropus 2000.