Set 1, 2016 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: una illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

PRÓLOGO

Ocupación e abandono da illa de Ons
(ou a fraxilidade dunha paisaxe protexida)

Auga. Ar.
A amnesia do vencido, a atracción do Abismo,                                              
a Arbre ó pé da Arbre, e a ledicia do espacio circundante.
O Atlántico é a Alma e o Acantilado o corpo da súa
chamada Atroz.

 

Lois Pereiro

(Que é Galicia? guión de televisión emitido pola TVG o 25 de xullo de 1988)

Ons é a única illa habitada do Parque Nacional das Illas Atlánticas. De feito, lonxe de ser unha illa baleira, bucólica, ou inalterada, en 1960 chegou a estar poboada por medio millar de persoas que habitaban en noventa vivendas agrupadas nos barrios de Caño, Curro, Canexol, Pereiró, Cucorno, Chan da Pólvora e Centulo. O resto das illas do Parque Nacional deixaron de estar habitadas ao longo do século XX, especialmente na década dos setenta. E o mesmo lle sucederá a Ons, que perderá a súa escasa poboación estable en moi pouco tempo. Porén, a súa poboación estacional aumenta. E tamén o turismo. Isto, xunto coa pertenza ao Parque Nacional fai que constitúa un lugar especialmente interesante onde os conflitos, desacordos, empatías, acordos e amizades forman parte da propia dinámica desta illa tan singularmente viva.

Este iBook céntrase na presenza humana en Ons ao longo do tempo. A fraxilidade deste espazo fai especialmente relevante coñecelo a fondo. No libro trátase de responder a cuestións como, cando e por quen foi habitada ou a quen pertenceu a illa, que vestixios quedaron da presenza humana, como é a vida na actualidade para a media ducia de persoas que habitan a illa, ou como afecta o turismo á illa.

Ademais, deuse especial importancia ás pegadas que a presenza humana deixou ao longo do tempo. As pegadas actuais coñecémolas a través dos testemuños dos habitantes que nos falan da súa vida cotiá , a terra, o mar, as lendas e crenzas, e os cambios recentes na illa: o seu abandono e reocupación, a Guerra Civil e posguerra, os efectos do Prestige e o impacto do turismo para a poboación actual.

As pegadas do pasado constitúen un conxunto de entidades culturais de especial singularidade que quedan recollidas no capítulo “os seus lugares”. O arquipélago de Ons, ademais de formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e ser, como tal, unha paisaxe natural protexida, é depositaria dunha paisaxe cultural insólita conformada por entidades arqueolóxicas de especial relevancia e por unha paisaxe tradicional constituída polas actividades agrícolas, gandeiras e mariñeiras levadas a cabo polos poboadores da illa ao longo do tempo, e que se plasman tanto na cultura material coma na tradición oral.

Aquí presentámosvos algúns dos resultados dos estudos feitos na Illa de Ons sobre a documentación, rexistro, valorización e vulnerabilidade do seu patrimonio cultural. Gustaríanos que as persoas que o lean se introduzan no quefacer investigador. Así, por exemplo, no capítulo “as súas xentes” accédese directamente á información recollida a través do traballo de campo etnográfico. O capítulo dedicado á historia das ocupacións e abandonos explica como se realizou esta parte da investigación. A información histórica ofrécese a través de dúas liñas: por unha parte accédese a quen poboou a illa ao longo do tempo (liña de ocupación); e, por outra, accédese a quen posuíu a propiedade de Ons (liña de propiedade). O nivel de profundidade da información deixámolo á libre elección das persoas que viaxen a través das páxinas deste iBook.

Invitámosvos a escoitar os sons da illa, as palabras dos seus habitantes, a riqueza das súas entidades culturais e a documentación sobre a súa historia.

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.

 

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...