Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
Capítulo 1
O arquipélago de Ons e o Parque Nacional
O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia engloba aos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. A súa localización, fronte ás Rías Baixas, crea unha barreira natural ante o océano que acentúa o ambiente estuario das rías. No medio terrestre destacan os sistemas dunares e areais, os cantís, así como tamén zonas de abrigo, onde se asentaron as diferentes comunidades humanas ao longo do tempo. As formacións vexetais están constituídas polos matos de toxo costeiro, xesta, uz e carpazas, plantas de acantilado, e pequenos bosques de cerquiños e abruñeiros, ademais de arborado de repoboación alóctona de eucaliptos e piñeiros.
Estas illas atópanse nas Rías Baixas. Cíes, Ons e Sálvora sitúanse na entrada das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, respectivamente; e Cortegada no interior da ría de Arousa.
A orixe das illas está relacionada coa orixe das rías e do relevo litoral do noroeste peninsular. A oroxenia hercínica transformou os sedimentos en rochas metamórficas e provocou ascensos sucesivos de magma que se ía solidificando lentamente no interior da codia e formando rochas graníticas. Estas últimas presentan máis pregamentos u orientación dos seus minerais que as formadas en épocas finais. A posterior erosión das rochas metamórficas deixa ao descuberto ás rochas graníticas (Blanco Chao e Costa-Casais 2001; Martínez-Cortizas e Costa-Casais 1997).
Os granitos son os materiais dominantes sobre os que se labrou unha morfoloxía contrastada entre o leste e o oeste; o leste caracterizado por un relevo baixo e abundancia de areais, o oeste con predominio de acantilados. Entre estes e as praias esténdese un relevo pouco inclinado sobre o que se depositaron materiais areosos. Esta morfoloxía condiciona tanto o desenvolvemento dos solos como das formacións vexetais ou os cultivos, sen esquecer as condicións microclimáticas que posibilitan o emprazamento dos lugares de poboamento.
O arquipélago de Ons esténdese de norte a sur, en posición perpendicular á ría de Pontevedra, e administrativamente pertence ao concello de Bueu. Está conformado polas illas de Ons e Onza ou Onceta (sur), e os illotes de Centulo (norte) e Freitosa (suroeste).
Esta illa ten 6 km de longo por 1,5 de ancho e 414 ha de superficie. A máxima elevación atópase no Alto do Cucorno, vértice xeodésico de 128 m de altura, xusto onde se sitúa o faro.
Dista 3,5 km da costa máis próxima (entre o Centulo, zona norte da illa e Punta Faxilda, no concello de Sanxenxo) e 8,5 km entre a zona sur e o Cabo Udra, no concello de Bueu.
A illa de Ons presenta dúas vertentes claramente diferenciadas. Cara ao mar aberto do Atlántico caracterízase por ser unha costa abrupta e recortada con pequenas enseadas de coídos, acantilados e covas mariñas ou furnas, sen apenas espazo para os areais. Porén, cara á ría de Pontevedra, os areais ocupan unha parte moi importante do espazo, presentando a costa un perfil rectilíneo cuxo desnivel descende cara ao mar de forma suave.
No oeste atopamos os pequenos areais de Fontiñas, Liñeiros ou a enseada de Fedorentos, xa no sur. E, no leste, os areais de Melide, Praia das Dornas ou de Curro, Areal dos Cans, Canexol ou Pereiró. Esta morfoloxía condiciona tanto o desenvolvemento dos solos como das formacións vexetais ou os cultivos, sen esquecer as condicións microclimáticas que posibilitan o emprazamento dos lugares de poboamento.
A illa de Onza é un montículo de forma redondeada de 32 ha, de contorna rochosa na que destacan dous areais: o areal das Moscas ao norte, e Porta do Sol ao sur. A parte central é unha ampla penichaira que alcanza os 81 m de altura no Alto de Onza. A vexetación está composta polas plantas de acantilado, abruñeiros e pasto natural na parte central.
Desde o punto de vista climático, o arquipélago de Ons, igual que o resto do Parque Nacional, participa das condicións que caracterizan ás Rías Baixas: clima oceánico húmido con tendencia á aridez estival, temperaturas medias próximas aos 14°C, precipitacións que se aproximan aos 1.500 mm anuais e unha oscilación térmica en torno aos 11°C.
Dende o punto de vista poboacional, Ons é a única illa do Parque Nacional que se atopa habitada. Na actualidade en Ons habitan de forma permanente algo menos de media ducia de persoas aproximadamente. A illa de Ons foi propiedade privada até o ano 1943, cando o estado español a expropiou á familia Riobó aducindo argumentos de defensa militar. Os actuais habitantes da illa descenden dos colonos que habitaron a illa desde principios do século XIX. Practicamente toda a illa foi cultivada, aínda que a gandería tamén tiña un peso fundamental na economía das xentes que a habitaban, complementada coa actividade pesqueira. O resto das illas do Parque Nacional deixaron de estar habitadas ao longo do século XX, especialmente na década dos setenta. E o mesmo lle sucederá a Ons, que perderá a súa poboación estable en moi pouco tempo.
A illa de Onza nunca foi habitada aínda que alí ían a recoller o toxo e herba para o mantemento da cabana gandeira dos habitantes de Ons, ademais de ser utilizada como lugar de apropiación de recursos mariños.
A protección dos valores naturais das illas iníciase en 1980 cando se declara Parque Natural ao arquipélago das Illas Cíes. Estudos posteriores outórganlle a Cíes o título de zona ZEPA (Zona deEspecial Protección para aves) en 1988, e tamén ao arquipélago de Ons en 2001, segundo as directrices da Directiva de Aves 79/40/CEE. Entre as miles de aves que utilizan os acantilados das Ons para aniñar destaca a gaivota patiamarela (Laurus michahellis) e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). A visión conxunta de varias zonas costeiras e insulares nesta zona do Atlántico deriva na creación, no ano 2002, do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (Lei 15/2002 de 1 de xullo), na que se inclúen os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
Ons é unha das illas que máis visitantes recibe ao longo do ano.
A presión humana sobre as entidades culturais de Ons é, deste xeito, maior que a que podemos observar noutras illas. Un exemplo disto o temos no castro de Castelo dos Mouros, cuxas inmediacións foron utilizadas dende fai tempo para uso agrícola e gandeiro. Pero a entidade máis vulnerable dentro do conxunto de arquipélagos que compoñen o Parque Nacional é o xacemento romano de Canexol. Atópase, en parte, situado baixo o actual camiño da costa leste de Ons e está afectado por una forte erosión mariña. Outros vestixios da illa, como as dúas fortificacións ou baterías de Punta do Castelo (ou Castelo da Roda) e Castelo de Pereiró, de época moderna o medieval, atópanse en avanzado estado de alteración e moi próximas ao acantilado. Pese a isto, ao estar asentadas directamente sobre o granito, o seu proceso de erosión é menos rápido que o que se observa no caso de Canexol, asentado sobre sedimentos máis brandos.
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada