Os congros atoparon un refuxio de vida ideal no pecio do “Cordero González” en augas da illa de Ons
Outro documento audiovisual gravado por Pedro Alonso mostrando o patrimonio máis oculto do Parque Nacional
Fronte ao coñecido areal de Melide no arquipéalgo da illa de Ons, Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, atópanse os restos dun pecio. É a “pantasma” do pesqueiro “Cordero Gonzalez”, afundido aquí o 31 de agosto de 1975, preto da boca ou canle norte de entrada á ría de Pontevedra
O “Cordero González” naufragou ao leste da illa de Ons tras colidir con outro pesqueiro, o “Ría de Aldán“, perdéndose o barco sen deixar vítimas mortais que lamentar. Tras o fatídico episodio deste naufraxio, tentouse rescatar arrastrándoo dende a zona de afundimento ata augas menos profundas, pero non se logrou o obxectivo, polo que o pesqueiro “Cordero Gonzalez” quedou embarrancado na súa ubicación actual.
Fotogalería areal de Melide en Ons:
Este pecio foise convertendo aos poucos e ata os nosos días nunha sorte de arrecife artificial, cuberto de rochas, algas e masas calcarias de múltiples organismos mariños. Atópase somerxido a uns 25 metros de profundidade asentado sobre un banco de area.
Hoxe, estes restos son un auténtico refuxio de vida submarina do noso patrimonio natural que podemos desfrutar visionando este outro vídeo do mergullador galego Pedro Alonso.
Do mesmo xeito, o pecio do “Cordero González” é un exemplo máis do noso patrimonio cultural, da nosa riquísima historia marítima.
Fotogalería capturas de pantalla audiovisual © Pedro Alonso
Entre a cantidade de vida que albergan os pecios, destacamos nesta inmersión, outro grande protagonista, o congro (Conger conger), quen atopa aquí neste medio un hábitat ideal entre as pegadas físicas que deixou o naufraxio do pesqueiro “Cordero González“.
Areal de Melide en Ons © Arquivo da Luz Atlántica
O congro é un unha especie de peixe anguiliforme da familia Congridae, que nas nosas augas pode acadar ata os 2 m de lonxitude e os 70 kg de peso. Esta especie é moi doada de identificar polo seu característico corpo cilíndrico, alongado e dorso de cor agrisada.
Trátase dun animal mariño de hábitos principalmente nocturnos, un auténtico depredador doutros peixes e multitude de invertebrados.
O congro (Conger conger) vive xeralmente en fondos de rochas, e busca refuxio entre as fendas e cavidades que aquí existen. Neste caso elixiu un arrecife en forma de pecio. Unha moi boa imitación da perfección destes fondos de rocha, onde o congro atopa entre os restos do pesqueiro afundido, multitude de fendas e cavidades onde se agochar.
Resulta tamén curisoso neste documento audiovisual do mergullador galego Pedro Alonso, a presenza do cando menos misterioso gobio leopardo (Thorogobius ephippiatus). Aparece puntualmente entre o minuto 1,05 e 1,08 desta gravación.
O gobio leopardo (Thorogobius ephippiatus) é outro peixe de costumes nocturnas. Non é frecuente en Galicia nin tampouco doado de ver. É por iso que reparamos tamén nesta especie. Do mesmo xeito que o congro (Conger conger), o gobio leopardo (Thorogobius ephippiatus) vive en hábitats con pouca luz, dentro de covas ou fendas que atopa neste arrecife artificial que conformou o pecio do “Cordero González“.
Logo de máis de 40 anos, a acción do home e mais o impacto constante do mar terminaron despezando o barco, de tal xeito que na actualidade tan só quedan restos da estrutura principal ou elementos como as cadernas, sala de caldeiras, cheminea, parte da ponte ou a roda do temón.
Un outro exemplo máis do rico patrimonio natural e cultural que albergan os fondos mariños do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Un máis de tantos pecios somerxidos que enriquecen este patrimonio case que oculto baixo as augas do Parque Nacional.
*O submarinismo recreativo e científico pódense practicar baixo regulación. Para o mergullo con botella ou chumbos nas augas do Parque Nacional compre solicitar o permiso correspondente. A pesca deportiva e o marisqueo non están permitidos.
Pódeche interesar tamén a seguinte ligazón:
BIBLIOGRAFÍA: ARQUEOLOXÍA SUBACUÁTICA NO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS DE GALICIA
Imaxe destacada: captura de pantalla audiovisual de Pedro Alonso
Cámara e edición de vídeo: © Pedro Alonso
Este audiovisual foi publicado na canle de Youtube de Pedro Alonso o 27 de setembro de 2016