Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (I)

Portada » O Parque Nacional » Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4 (I)

Feb 8, 2017 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

 

CAPÍTULO 4 (I)

Os seus lugares

 

Ao longo do tempo, todas as illas do Parque Nacional pasaron por situacións similares debido á súa relativa proximidade á costa: en todas elas establecéronse ou tiveron contacto os diversos grupos humanos nas diferentes etapas cronolóxicas e culturais da prehistoria e da historia, deixando unha maior ou menor pegada en cada unha delas.

As ocupacións identificadas na illa de Ons concéntranse nas zonas leste e sueste da illa, é dicir, mirando cara o interior das rías e o continente. Esta organización responde a varios condicionantes. En primeiro lugar, estas vertentes son as que presentan una topografía menos escarpada e se atopan mellor protexidas dos embates do océano Atlántico; a posición da illa no eixo da desembocadura das rías favorece aínda máis este illamento respecto ao mar aberto. Son as áreas mellor protexidas dos ventos do norte e oeste, onde se atopan as áreas de desembarco e amarre. A súa situación permite establecer o contacto visual co continente e co resto das illas. Por último, a abundancia de auga doce foi un dos motivos que permitiron o establecemento da poboación.

Para os primeiros momentos de ocupación na illa de Ons, unicamente contamos coas referencias bibliográficas que así o testemuñan. Segundo a bibliografía, hai evidencias do Paleolítico-Epipaleolítico (11000 – 5000 a. C.) ao que seica poderían pertencer un raspador de gneis e unha peza trapezoidal de granito tallado (Vilas et al 2005), materiais líticos de especial relevancia (Filgueira et al 1954, 44), pero dos que se descoñece o seu lugar de procedencia, o seu contexto arqueolóxico e tamén o seu depósito.

Sucede o mesmo para o Neolítico (4750 – 2600 a. C.). Xurxo Lourenzo, no seu Diario Arqueolóxico (1934), di que na súa corta viaxe pola illa tiveron noticias de mámoas e de “camiños cubertos” aínda que non puideron ser comprobados. Álvaro das Casas (1934) tamén fala de presuntas mámoas e de ósos humanos descubertos en paraxes distantes do actual cemiterio.

Porén, a partires da Idade do Bronce (2600 – 900 a. C.) atopámonos cun amplo rexistro de cultura material, testemuña da ocupación humana e que ven a conformar unha paisaxe artificial construída ao longo do tempo. Por exemplo, varios gravados rupestres e dous machados de talón, da Idade do Bronce. Un asentamento fortificado pertencente á Idade do Ferro (800 a. C. – 100 d. C.), unha instalación de salgadura época romana (s. I – IV d. C.). Para a época medieval (s. IV – XV) e moderna (S. XV – XVIII) hai evidencias de ocupacións monásticas e militares, e outro tipo de entidades máis recentes relacionadas cos poboados de carácter tradicional, as construcións para o culto, as actividades pesqueiras e comerciais ou mesmo os fitos marítimos fixados na paisaxe coma os faros.

Dentro deste patrimonio construído debemos ter en conta un elemento fundamental na formación e construción da paisaxe da illa: as pegadas da paisaxe agraria tradicional. Esta paisaxe ven remarcar a insularidade debido a que os longos temporais de inverno facían imposible vivir cara o mar e, polo tanto, limitaban os seus ingresos e condicionaban a súa propia subsistencia. Estes elementos abarcan as terrazas e bancais de cultivo, os muros de parcelación, os camiños, os canais de rego e drenaxes de auga, entre outros. Neste sentido, a illa é rica en abondosos regatos estacionais, en fontes e en acuíferos. Todos os barrios que se espallan pola illa contan coa súa fonte de auga e o seu lavadoiro, o que lles permitía utilizar a auga sobrante para o rego das fincas de labranza. A estes lavadoiros, a xente da illa, ademais de ir a lavala roupa, era onde ia a coller a auga para o servizo doméstico. Chamábanlle, e aínda continúan chamándolle “ir ao río”.

Así mesmo, a paisaxe mariñeira compleméntase coa anterior xa que en palabras de Staffan Mörling (2006) “O par de vacas, o xugo de bois e a dorna eran as bases da economía do fogar da illa”. Asociado a esta diversidade económica hai un variado elenco de construcións coma as propias vivendas, hórreos, pontellas, alpendres, eiras e demais construcións que manteñen o carácter tradicional desta illa.

As vivendas están agrupadas en conxuntos máis ou menos concentrados, chamados barrios. Estes barrios son: Curro, Caño, Canexol, Pereiró, Chan da Pólvora, Cucorno e Centulo. Na bibliografía consultada ás veces aparece nomeado o barrio de Labenco, que o sitúan entre as últimas casas de Caño e as primeiras de Cucorno. Espedregalla sería outro lugar, entre os barrios de Canexol e Pereiró, no que só hai unha vivenda.

Entre Curro e Caño é onde se atopa a maior concentración de vivendas. En Curro, está o embarcadoiro, as instalacións do Parque Nacional, os bares e restaurantes, o Centro de Visitantes… Chan da Pólvora, continuación do barrio de Caño cara o oeste, está conformado por unha pequena agrupación de vivendas situadas nunha escada que antecede ao amplo chan de As Xabreiras cara o sur, e é onde se atopa a zona de acampada.

O barrio de Canexol, antigamente, era un lugar bastante transitado, pois aquí atopábase a igrexa máis a escola e, entre unha construción e outra, “o eirao”, o lugar onde se facía a festa no patrón.

Na zona sur da illa atópase o barrio de Pereiró, cunha interesante e singular distribución de vivendas e cun pequeno areal que servía puntualmente de embarcadoiro. Alí tamén está as instalacións do campamento da Xunta de Galicia.

A medida que imos cara o sur, a distribución de vivendas faise máis dispersa. Así, en Cucorno, a pesares de haber un núcleo importante de vivendas, con extensas zonas de campos de cultivo, as casas non están tan concentradas como no resto dos barrios, mais algunha vivenda está en ruínas; tamén hai que ter en conta que esta é unha zona alta (aquí está o faro), máis costenta e máis lonxe do embarcadoiro.

O barrio de Centulo é o barrio máis setentrional da illa, onde as vivendas están totalmente dispersas, sen formar agrupacións. Estas foron as últimas en construírse e as primeiras en abandonarse; de feito, hoxe en día, a pesares de que moitas vivendas da illa foron restauradas e habilitadas para facer uso delas en tempada estival, a maior parte das vivendas do Centulo seguen en estado de ruína.

Un dato a ter en conta é que, en 1981, de Llano rexistra que entre Curro e o extremo noroeste da illa, Centulo, as edificacións mellor conservadas son as que se atopan máis próximas ao embarcadoiro. O resto, incluídas as oito vivendas que estaban habitadas en Centulo, situadas sobre a praia de Melide, estaban desaparecidas ou en ruínas. Nese momento dos anos 80, en Cucorno, das 20 edificacións só catro están temporalmente ocupadas (de Llano 1981, 29).

Continuaremos este Capítulo 4 de “Ons: unha illa habitada”, “Os seus lugares”, a través da publicación dunha variada selección e descrición de diversos lugares e elementos relevantes que contan cun valor patrimonial destacado. Descríbense así uns 40 lugares e elementos acompañados de documentación audiovisual:

O Castrelo dos Mouros, A Cova dos Mouros, Xacemento romano de Canexol, Petróglifo do Chan da Pólvora I, Petróglifo do Chan da Pólvora II, Petróglifo da Laxe, A Laxe do Crego, Tapa sepulcral, Castelo da Roda ou Punta do Castelo, O Castelo de Pereiró, Arco con gravado, Muiño do Rego do Castelo, Antiga igrexa de San Xaquín, Igrexa de San Xaquín, Cruceiro de Ons, Antiga escola, Faro de Ons, O Buraco do Inferno, Caseta militar de Onza, Ruinas en Onza, Embarcadoiro, Lavadoiro de Melide, Lavadoiro de Cucorno, Lavadoiro de Entenza I, Lavadoiro de Entenza II, Lavadoiro de Caño, Lavadoiro de Canexol, Lavadoiro vello de Canexol, Lavadoiro de Pereiró, Lavadoiro do Ignacio, Fonte de Melide, Fonte do Gaiteiro, Fonte de Fontiñas, Fonte do Castelo, Fonte de Curro, Fonte da praia do Curro, Fonte de Caño, , Vivendas, Outras construcións domésticas, Hórreos e Barrio de Curro.

Links adicionais do Capítulo 4:

– Explicación do xacemento de Canexol.
– Continuación da explicación do xacemento de Canexol.
– Fraxilidade do xacemento de Canexol.
– Detalle do muro do Castelo da Roda 1
– Detalle do muro do Castelo da Roda 2
– Vista da zona norte da illa, o areal do Centulo dende O castelo da Roda.
– Vistas do petróglifo 1
– Vistas do petróglifo 2
– Vistas do petróglifo 3

Imaxes:

© CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace.

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...