Paíño europeo por Mar de Aves
Paíños Hydrobatidae
Aves mariñas de pequeno tamaño e plumaxes escuras. Bico pequeno e ganchudo no que destaca unha estrutura tubular situada no nacemento da mandíbula superior. Ás relativamente longas e de perfil redondeado. Voo peculiar, aboiante, lixeiro e errático con bater case que constante das ás. Adoitan apalpar a tona da auga coas patas, que as teñen palmadas. Non mergullan.
Alimentanse de pequenos organismos peláxicos e gromos de graxa e outros lípidos orgánicos, que adoitan capturar dende o aire ou, máis raramente, pousados na auga.
Polo día e fóra do período de cría atópanse en alta mar. Polo común migradores, realizan grandes desprazamentos ao longo do ciclo anual.
Crían en colonias, en illas e illotes afastados e pouco ou nada abrigados do mal tempo e coa condición de que estean libres de ratas. Aniñan en fendas das rocha ou entre as pedras, lugares onde depositan un único ovo. Achéganse ás colonias só de noite.
En Galicia só se reproduce unha especie, o paíño europeo. Dela coñécense varias colonias, entre elas á do illote Boeiro en Cíes. As dificultades no censo de paíños son grandes polo que a incerteza da estima do número e lugares de cría tamén o é.
- Paíño europeo (Hydrobates pelagicus)
PAÍÑO EUROPEO / ALMA-DE-MESTRE / EUROPEAN STORM-PETREL
Hydrobates pelagicus
15 cm de lonxitude × 40 cm de envergadura. É, con diferencia, a máis pequena das aves mariñas do Parque. De cor castaño escuro, presenta como risco característico, unha mancha branca cadrada na base do rabo. Voo ao chou pola tona da auga.
Esta especie distribúese polo Atlántico europeo e Mediterráneo occidental. Aniña en illotes rochosos afastados de terra, baixo pedras e no interior de fendas. No Parque Nacional só se lle coñece unha colonia de cría, con arredor dunha ducia de parellas, no illote Boeiro de Cíes.
Presente todo o ano, sempre no mar. De noite achéganse máis á costa e durante o período reprodutor (maio – outubro) visitan as colonias.
A rata depreda sobre os polos e ovos de paíño polo que a presenza de ratas é un factor que limita poderosamente a distribución do paíño. As poucas illas e illotes libres de ratas nas Rías Baixas atópanse en zonas de moi expostas ao mal tempo polo que os sitios aptos para a cría, covas e fendas, adoitan ser escasos. No 2004 colocáronse unha ducia de niños artificiais feitos de PVC no illote Boeiro co obxecto de incrementar o hábitat axeitado para a cría do paíño, experiencia que resultou moi positiva.
- Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas
- Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas
- Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla
Imaxe destacada: Paíño europeo (Hydrobates pelagicus) por Wikipedia.