Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 4 (III)
Os seus lugares
Petróglifo do Chan da Pólvora I
Este petróglifo está no Chan da Pólvora, chaira situada aproximadamente no centro-sur da illa, que desemboca cara ao sur nun val denominado As Xabreiras. Está feito sobre un afloramento de xisto cunha orientación xeral norte-sur. Nel hai gravados con diferentes motivos: coviñas, círculos e restos de círculos concéntricos con coviña central, de distintos tamaños e diferente forma e estado de conservación.
Están feitos aproveitando os planos máis horizontais da rocha, tanto en altura como a ras do solo, así como nas zonas máis sobresaíntes, coa posible intención de facer os motivos máis visíbeis. Os gravados concéntranse na metade leste e sueste, onde a laxe ten máis altura e a superficie é máis chan. Os restos visíbeis dos círculos concéntricos atópanse moi erosionados e nalgúns casos esta erosión eliminou a metade do motivo. Non podemos descartar que o panel tivera en orixe máis figuras, hoxe irrecoñecíbeis polo seu grado de alteración. Dende o gravado hai unha ampla visibilidade da metade sur da illa, tanto da costa leste como da oeste, así como da illa de Onza e as illas Cíes.
No que respecta ao momento cronolóxico e cultural no que foi feito, os círculos concéntricos son uns dos motivos máis característicos do Estilo Atlántico, o cal se adscribe, en boa medida, á Idade do Bronce. De feito, para este momento pódense vincular o achado, a mediados do século XX, de dous machados de talón sen que se saiba deles nin o seu lugar concreto de procedencia, nin o contexto arqueolóxico ou mesmo a autoría do achado. Tendo en conta os escasos datos, podemos supor que na illa de Ons, posiblemente en torno aos anos 50, recuperáronse dous machados de talón que, segundo a Carta Arqueolóxica da Provincia de Pontevedra (Filgueira e Alén 1954, 76) son de dous aneis, e que, segundo a bibliografía, estaban en depósito no Museo de Pontevedra coa numeración 2811 e 2823. Luís Monteagudo debuxou, no seu tempo, o machado que se corresponde coa numeración 2811 e que aparece na súa obra Die Beile auf der Iberischen Halbinsel (1977, 228). Na actualidade, este machado atópase no depósito do Museo Arqueolóxico de Pontevedra e o segundo machado en depósito descoñecido.
Este gravado foi atopado en 2009 pola Asociación Piñeiróns, segundo as referencias que tiñan de Fernando Alonso Romero, quen o descubrira xunto coa súa muller, María Castroviejo, nos anos 70.
Imaxe destacada:
Esbozo do gravado feito no traballo de campo en 2009.
© CSIC
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada