Programa divulgativo Mergúllate no Océano, Campus do Mar

Portada » O Parque Nacional » Programa divulgativo Mergúllate no Océano, Campus do Mar

Xul 28, 2016 | ACTUALIDADE

O programa divulgativo de Campus do Mar achégase un ano máis aos areais galegos. Tras comezar en Vigo, ‘Mergúllate no Océano’ continuará a vindeira fin de semana en Cedeira.

Coñecer os efectos que sobre o medio mariño está a provocar a actividade humana con especial atención ás especies invasoras ou á acidificación que sofren os océanos está ao alcance de calquera persoa que na vindeiras semanas decida achegarse ás praias de Cedeira, Marín, A Illa de Arousa e Cangas. O programa de divulgación científica Mergúllate no Océano de Campus do Mar segue o seu percorrido tras comezar a pasada ponte na praia de Samil en Vigo, onde máis de 1500 persoas coñeceron da man de profesionais da investigación algúns dos secretos que agocha e as ameazas que asexan ao medio mariño.

Así, tras recalar os días 23, 24 e 25 de xullo na praia viguesa, o programa continuará percorrido a vindeira fin de semana pola praia da Magdalena na localidade coruñesa de Cedeira, onde se desenvolverán os oito obradoiros divulgativos mariños, que integran Mergúllate no Océano, e nos que “a través de experimentos sinxelos, simulacións e xogos os e as participantes poden ir descubrindo curiosidades sobre os mares e océanos, así como aprender e obter coñecementos específicos relacionados estreitamente coa investigación que se está a desenvolver nas universidades e centros que integran o Campus do Mar”, explica Jorge de los Bueis, coordinador do proxecto.

Persoal especializado en divulgación científica, con titulación universitaria e experiencia na transmisión de coñecementos, é o encargado de impartir os obradoiros nos que as persoas que a eles se acheguen poderán descubrir desde como se forma unha onda a de onde vén o peixe que consumimos. Mogor en Marín, Area da Secada na Illa de Arousa e Rodeira en Cangas son os areais que completan este verán o percorrido dos obradoiros oceanográficos organizados por Campus do Mar.

DUVI. Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos