Mar de Ons presta servizo regular de forma permanente os 365 días do ano entre Vigo e Cangas e caracterízase por ofrecer aos usuarios unha ampla variedade horaria que cumprimos de maneira exhaustiva durante todo o ano.
Ademais, durante a tempada de verán, en Mar de Ons pomos en marcha unha ampla variedade de servizos que permiten aos usuarios gozar da beleza que ofrecen as Rías Baixas dun modo diferente e inesquecible.
No verán realizamos servizo regular ás Illas Cíes, desde os portos de Vigo, Cangas e Baiona, e á Illa de Ons, desde os portos de Bueu, Portonovo, Sanxenxo e Vigo. Tamén organizamos excursións marítimas pola Ría de Pontevedra con degustación de mexillóns e visitas guiadas á Illa de San Simón.
Co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer diferente, durante as noites dos meses de xullo e agosto tamén organizamos festas a bordo do noso barco insignia Mar Vigo con catering e música.
Ademais dos servizos de tempada e os servizos permanentes, tamén nos dedicamos ao aluguer de embarcacións para diferentes eventos, congresos, vodas, presentacións de marcas, seguimento de regatas, ceas baile ou excursións con grupos. E realizamos servizos especiais como o da Festa da Arribada ou os Lumes de Bouzas.
Fomos pioneiros na posta en marcha de servizos como as excursións pola Ría de Pontevedra con degustación de mexillóns e os nosos barcos utilizáronse en diferentes ocasións para a rodaxe de películas, vídeos musicais, programas de televisión. O emblemático Illas Ficas foi o escenario da rodaxe da película “Os luns ao sol”, protagonizada polo oscarizado actor Javier Bardem.