Un estudo analiza como afecta o exceso de nitróxeno procedente da actividade humana ás praderías mariñas galegas

Portada » O Parque Nacional » Un estudo analiza como afecta o exceso de nitróxeno procedente da actividade humana ás praderías mariñas galegas

Xan 18, 2018 | CIENCIA

A tese de Marta Román confirma que as concas máis poboadas rexistran cantidades maiores deste elemento

Un estudo analiza como afecta o exceso de nitróxeno procedente da actividade humana ás praderías mariñas galegas

As achegas excesivas de nutrientes acaban degradando os ecosistemas ou provocando incluso a súa desaparición

Duvi | Vigo

A eutrofización é a acumulación de residuos orgánicos no litoral mariño, que causa unha fertilización excesiva e xera a proliferación de organismos fotosintéticos cuxa descomposición provoca déficit de osíxeno e incremento da turbidez. As consecuencias deste proceso pasan por unha redución da diversidade biolóxica e a degradación de ecosistemas como as praderías mariñas dos estuarios galegos. A tese de doutoramento de Marta Román, dirixida polos profesores Gonzalo Méndez e Emilio Fernández, céntrase precisamente en analizar os efectos do proceso de eutrofización sobre este tipo de hábitats mariños, que son zonas de alimentación, refuxio e cría de especies pesqueiras de interese comercial e que, ademais axudan a mitigar o cambio climático, ao seren un dos ecosistemas con maior capacidade de almacenamento de CO2 do planeta.

tesemarta2

A investigadora Marta Román

A investigadora explica que a acumulación excesiva de nutrientes é consecuencia do desenvolvemento humano, xa que o proceso de urbanización nas zonas costeiras “inhibiu a capacidade dos solos naturais para reter os excesos de nutrientes, que acaban derivando cara os ríos e finalmente aos estuarios”. Para a avaliación ambiental destes procesos de antropización en ecosistemas de estuario, Román céntrase principalmente no impacto do nitróxeno. “Establecemos como obxectivo explorar a relación entre os indicadores de presión humana en concas fluviais, tales como densidade demográfica e urbanización, cos sinais isotópicos en praderías mariñas situadas nos estuarios vinculados ás concas”.

tesemarta3

O estudo céntrase principalmente no impacto do nitróxeno

Como explica a investigadora, “as actividades humanas xeraron un incremento do nitróxeno mediante a fabricación de fertilizantes sintéticos, a emisión de óxidos de nitróxeno procedentes da combustión dos derivados do petróleo e a xeración de augas residuais de orixe humano nas zonas urbanas”. Para avaliar o seu impacto, Román seleccionou 11 praderías de zostera noltei, a especie maioritaria de pradería mariña en Galicia, nas que se mediron os niveis de isótopos estables de nitróxeno (δ15N). “Estudamos a resposta dos sinais isotópicos de nitróxeno en praderías de Z. noltei a diferentes intensidades de densidade de poboación e de cobertura de solo artificial en concas costeiras”, apunta a investigadora, que avanza que “os sinais altos de δ15N son propios de nitróxeno procedente de augas residuais de orixe humano ou animal, xa que o proceso de desnitrificación que ocorre nelas induce un aumento de δ15N”.

As praderías das concas máis poboadas, con entradas maiores de nitróxeno

O traballo fixo preciso compilar os datos da avaliación demográfica (INE e IGE) e determináronse os cambios na cobertura do chan mediante a análise xeográfica. Nas praderías recolléronse as mostras de follas de Z. noltei e do sedimento baixo a planta e nas mostras recollidas analizouse o sinal isotópico de nitróxeno mediante espectrometría de masas de relacións isotópicas. Dos once lugares de estudo, tres foron seleccionados para explorar a relación entre a evolución temporal dos indicadores de presión antropoxénica e os sinais isotópicos de nitróxeno.

Para iso realizáronse mostraxes de testemuñas de sedimento nas praderías de Z. noltei e foron sometidos a análises de isótopos estables de nitróxeno. Os resultados amosan que sinal isotópico de nitróxeno no sedimento superficial das praderías estudadas estaba positivamente correlacionado coa densidade de poboación e coa porcentaxe de solo artificial. “Ao comparar os valores en testemuñas, os sedimentos da pradería vinculados á conca con maior cobertura artificial e maior densidade de poboación (A Ramallosa) amosaban valores medios de δ15N nas capas recentes significativamente maiores que na conca con presión antropoxénica intermedia (Lourizán), e que na zona con menor presión antropoxénica (Caldebarcos)”. É dicir, as praderías de Z. noltei vinculadas a concas máis poboadas e urbanizadas acusaron entradas maiores de nitróxeno procedente de augas residuais de orixe humana. Non obstante, existen indicios de que nas praderías máis impactadas estase eliminando nitróxeno mediante procesos de desnitrificación no sedimento.

tesemarta4

A investigadora estableceu 11 puntos de mostraxe en toda Galicia

A científica destaca a importancia de contar con este tipo de datos, xa que “as evidencias de entradas relevantes de nitróxeno antropoxénico a un ecosistema acuático permitirán aos xestores levar a cabo medidas de prevención, para reducir as achegas de materia orgánica das concas. Entre as medidas propostas, Román apunta a mellora dos tratamentos de depuración de augas residuais, a redución dos caudais de descarga de efluentes ricos en materia orgánica ou a regulación na fertilización agrícola.

Novas liñas de investigación

Mentres a investigadora encara a etapa final da súa tese, van xurdindo novas preguntas que supoñen retos para traballar no futuro, como a estimación da capacidade de secuestro de carbono nas praderías mariñas das costas galegas. “Ampliar o coñecemento sobre este servicio ecosistémico, útil na mitigación do cambio climático, é un argumento máis para promover a conservación das praderías mariñas e por tanto a detección anticipada da súa eutrofización”, conclúe.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...