Vento de primavera. Exaltación da vida, da primavera, eclosión, nacemento e floración.
Na ría de Vigo, na illa de Montefaro das Cíes en primavera, flora danzando ao son que impón o vento. Abrótegas, margaridas, toxos e alecríns ou chorimas, herba de namorar, carpaza moura, dedaleiras, fiúnchos, xestas, espigas, abruñeiros, caléndulas, barróns, fentos ou anxélicas fan do seu movemento as nosas delicias.
A matogueira resistindo ao vento e a salinidade imperante. Nas rochas e cantís das illas que miran ao océano, a caloplaca colorea o medio.
A vexetación das dunas, que miran á ría non é allea ao espectáculo.
As capuchinas, plantas exóticas naturalizadas, tamén contribúen poñendo a súa nota de cor.
O paporrubio, as bolboretas e a polinización, dan conta da variedade e biodiversidade existente.
As parellas de gaivota patiamarela están en plena época de cría, con traballo extra, chocando os ovos, vixiando os seus niños con actitude defensiva, avisándonos da nosa intromisión. Os seus excrementos fertilizan a vexetación dos cantís e mesmo a auga salgada. Beben nas pías onde se acumula a auga doce.
Unha pequena ralleira de corvos mariños cristados en época nupcial levanta o voo.
Illas, cantís, furnas, granito, rochas percebeiras, embates do mar, ondas, vento, sal, sol, chuvia e mareas. Condicións moi extremas que modelan a paisaxe en todas as estacións do ano deste dique natural co que conta a ría de Vigo, as illas Cíes.
Harmonía en pimavera, fonte de vida.
Imaxe destacada:
Santiago Boado Aguinaga
Música:
J.S Bach. Coral cantata BWV 214. Orquestra e coro Vigo 430