Introdución ás aves mariñas. Que é unha ave mariña?. Mar de Aves

  /  NATUREZA   /  Introdución ás aves mariñas. Que é unha ave mariña?. Mar de Aves

Introdución ás aves mariñas. Que é unha ave mariña?. Mar de Aves

INTRODUCIÓN ÁS AVES MARIÑAS

Que é unha ave mariña?

As aves mariñas son aves que viven no mar. Vala esta obviedade a efectos de resaltar a dificultade de atopar unha definición axeitada do que é, ou non é, un ave mariña.

Aínda que algunhas (poucas) especies viven en hábitats terrestres, todas elas presentan adaptacións que lles permiten desenvolverse no medio mariño, como por exemplo a glándula do sal. A súa dependencia do medio mariño e tal, e interveñen tanto nel, que a bioloxía moderna as considera verdadeiros organismos mariños, como os dinoflaxelados, as augamares ou as baleas.

Premer sobre a fotogalería para ampliar as imaxes:

Polo xeral, machos e femias diferénzanse externamente nada máis que polo tamaño sendo eles algo máis grandes. As parellas adoitan ser moi duradeiras e viven moitos anos. Outra característica vital que fai das aves mariñas un grupo especial é que a súa etapa xuvenil adoita prolongarse por varios anos.

Moitas especies  achéganse a terra só para criar, tarefa que as manten ocupadas tres ou catro meses no ano. Con este propósito, as aves mariñas adoitan xuntarse ano tras ano en certos lugares, formando agrupacións coñecidas como “colonias reprodutivas” ou simples mentes “colonias”. A maioría delas localízanse en illas xa que polo común as illas están libres de carnívoros depredadores terrestres (por exemplo raposos ou donicelas).

As illas son logo moi importantes para as aves mariñas; por exemplo, das oito especies que aniñan en Galicia seis son exclusivas de illas e nas outras dúas a proporción da poboación que cría nunha illa é do 90%. As aves mariñas producen transformacións significativas nas illas que ocupan, evidentes na vexetación e na química do solo.

As aves mariñas consumen peixes, crustáceos, moluscos e outros animais mariños. Ocupan, por tanto, os estratos superiores nas redes tróficas mariñas. É por iso que as aves mariñas adoitan ser boas indicadoras do estado dos ecosistemas mariños e das poboacións das presas que consumen.

Que tipos de aves mariñas existen?

O conxunto das aves mariñas abrangue dende os paíños, do tamaño dunha andoriña, ata algúns dos xigantes entre as aves como os grandes albatros ou o pingüín emperador. Por enriba de 300 especies de aves encaixan nas propiedades e definicións dos parágrafos anteriores e prácticamente todas elas pertencen aos seguintes grupos (familias):

Albatros: Voadores excepcionais, son propios do hemisferio sur. Diomedeidae
Aros, carolos e mérgulos: Pequenas, mergulladoras e compactas. Danse nas altas latitudes do hemisferio norte. Alcidae
Corvos mariños: Grupo cosmopolita. Aves mergulladoras de longo pescozo e cor negra. Phalacrocoracidae
Fragatas: De voar lixeirísimo adoitan roubarlle o alimento a outras aves mariñas. Tropicais. Fregatidae
Láridos: Grupo cosmopolita e numeroso no que se inclúen entre outras as gaivotas e os carráns. Combinan cores brancas e grises na plumaxe. Laridae
Mascatos: Grupo cosmopolita.Grandes. Choupanse dereitas dende o alto á percura do peixe. Sulidae
Págalos: De climas fríos, adoitan roubarlle o alimento a outras aves mariñas. Stercorariidae
Paíños: Grupo cosmopolita. Son pequenas aves mariñas oceánicas, moitas crían en illas remotas. Hydrobatidae
Pardelas e furabuchos: Grupo cosmopolita. Oceánicas, moitas de hábitos nouturnos. Procellariidae
Pelícanos: Latitudes medias e baixas. A bolsa na mandíbula inferior do pico é un dos seus riscos máis característicos. Pelecanidae
Pingüíns: Incapaces de voar e propios das augas frías do hemisferio sur. Spheniscidae
Potoyuncos: Mergulladoras de asas longas e estreitas. Danse no hemisferio sur. Pelecanoididae
Rabodexuncos: Aves mariñas tropicais de plumaxe branca e co rabo esfiado. Phaethontidae

Premer sobre a fotogalería para ampliar as imaxes:

Así e todo existen certas aves doutros grupos que pola súa vida e costumes adoitan ser consideradas, con maior ou menor consenso, como aves mariñas. Entre elas as mobellas, un pequeno grupo de aves acuáticas do hemisferio norte, e algúns patos mariños como os pentumeiros e os eideres. Mesmo algúns consideran aos falaropos, aves limícolas semellantes a biluricos, como verdadeiras aves mariñas.

Fonte: Portal Mar de Aves

A finalidade deste portal, Mar de Aves, é recompilar e achegarlle ao público o coñecemento existente sobre as aves mariñas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e da súa área de influencia, as Rías Baixas.

Neste portal atoparás:

Un repositorio de publicacións científicas e técnicas, moitas delas de acceso libre e listas para ser baixadas en formato pdf.

Táboas de datos cos censos das poboacións de aves mariñas e outros datos de interese.

Unha descrición da bioloxía e ecoloxía das especies de aves mariñas máis comúns no Parque Nacional e Rías Baixas.

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Tamén podes descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: Carrán cristado (Sterna sandvicensis) e carrán común (Sterna hirundo) na beiramar

© Manuel Agulla Rodríguez

 

 

Share This