Nov 16, 2017 | NATUREZA, VIDEOBLOG

Melgachos, escenas das Rías Baixas

O melgacho (Scyliorhinus canicula) é un escualo, unha pequena quenlla de fuciño curto e cor gris amarelelada co dorso moteado con numerosas manchas de cor castaño escuro. Presenta un corpo alongado e afiado.

Habita os fondos de area e lamacentos entre os 25 e os 400 metros de profundidade. Aliméntase principalmente de moluscos, crustáceos e cefalópodos. É un animal mariño de hábitos nocturnos, ovíparo e que acada ata un metro de lonxitude. Permanece en repouso durante o día.

Esta especie é moi común nas costas galegas, abondando nos polígonos de bateas mexilloeiras.

A carne do melgacho é comestíbel, pero o seu uso é limitado, xa que a súa pel é dura e difícil de eliminar

Este audiovisual do mergullador Pedro Alonso foi gravado nas Rías Baixas de Galicia e publicado na súa canle de Youtube en outubro de 2017. Así, podemos observar o comportamento dun melgacho (Scyliorhinus canicula), que aparece acompañado nestas imaxes doutras especies coma estrugas de mar, espirógrafos, esponxas, ramos de mar, fanecas ou doncelas. E para despedir o mergullo, xa en superficie, a presenza e chimpo dun arroaz (Tursiops truncatus).

Audiovisual: © Pedro Alonso

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos