Mellora da xestión de especies invasoras e análise dos efectos do cambio climático en Sálvora

  /  ACTUALIDADE   /  Mellora da xestión de especies invasoras e análise dos efectos do cambio climático en Sálvora

Mellora da xestión de especies invasoras e análise dos efectos do cambio climático en Sálvora

O Parque Nacional das Illas Atlánticas completa 6 meses de traballos en Sálvora para mellorar a xestión de especies invasoras e analizar os efectos do cambio climático na illa.

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas acaba de dar por rematados 6 meses de actuacións de protección e conservación dos valores naturais no arquipélago de Sálvora, un ambicioso programa desenvolvido en colaboración co Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) e que contou cun financiamento total de 325.000 euros.

Desde principios de ano, un equipo multidisciplinar composto por profesionais contratados ao efecto co apoio de voluntarios da ONG Amicos e alumnos en prácticas das 3 universidades galegas, levaron a cabo unha serie de actuacións en materia de xestión adaptativa, protección de anfibios e regulación da flora exótica presente na illa.

Entre as principais tarefas desenvolvidas, cómpre subliñar aquelas centradas na erradicación de tres especies invasoras: a uña de gato, procedente de Suráfrica; a cala, unha especie herbácea vivaz con orixe tamén surafricana; e a cana, nativa do este de Asia e considerada unha das plantas alóctonas invasoras máis perigosas do mundo.

O equipo tamén creou varias zonas húmidas para o sapo raxado, a única especie de anuro (un tipo de anfibio sen cola) presente no parque nacional. Con esta acción, buscábase ofrecer a esta especie as condicións idóneas para a súa conservación, xa que a nova charca permiten recuperar o medio natural onde se reproducen.

Así mesmo, o equipo centrou parte do seu labor en Sálvora nunha serie de actuacións de xestión adaptativa, co fin de analizar e vixiar posibles impactos do cambio climático sobre o arquipélago a partir de distintos indicadores. Neste sentido, o equipo fixo comprobacións sobre o aumento ou a diminución da superficie colonizada polos liques costeiros (que son un bo indicador do cambio global) despois das tarefas de hidrolimpeza e dos ensaios de biorremediación levados a cabo tras a contaminación provocada polo accidente do Prestige.

Na mesma liña de traballo, tamén se procedeu a colocar sensores na zona intermareal de Sálvora, a uns 8 metros de profundidade. Estes dispositivos permitirán levar a cabo unha vixilancia ambiental e un seguimento do cambio climático a longo prazo a través da medición de parámetros tales como a condutividade, a temperatura, a presión ou o PH da auga.

Todas estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de Impulso ao Medio Ambiente para a Adaptación ao Cambio Climático en España (PIMA ADAPTA), que inclúe unha batería de actuacións nos ámbitos da costa, do dominio público marítimo terrestre e dos parques nacionais para lograr a rexeneración de praias, a protección de marismas e humedais, a restauración de dunas, lagoas e hábitats en xeral e a adaptación das masas forestais.

Unha vez completada esta primeira fase no arquipélago de Sálvora, a intención e o compromiso adquirido polo Goberno central é darlle continuidade ao proxecto despois do verán, para o que haberá que subscribir un novo convenio de colaboración co OAPN.

 

Fonte do artigo: Xunta de Galicia – C. de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

 

Share This