O Parque Nacional conta na illa de Ons cunha senda interpretativa sobre o lagarto arnal

Portada » O Parque Nacional » O Parque Nacional conta na illa de Ons cunha senda interpretativa sobre o lagarto arnal

Abr 5, 2019 | NATUREZA

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas conta na illa de Ons cunha senda interpretativa sobre o lagarto arnal

Percorrendo este pequeno sendeiro terás oportunidade de coñecer o hábitat dun dos elementos da fauna do Parque Nacional das Illas Atlánticas máis singulares; o Lagarto arnal (Timon lepidus)

Na senda, abeirada por algunhas das mellores panorámicas do Parque, obsérvanse os afloramentos pétreos e ruínas de antigas vivendas onde atopa refuxio este xigante entre os réptiles europeos. O sendeiro conta con balizas interpretativas que axudan a comprender a beleza e interese desta especie.

O lagarto arnal (Timon lepidus) é un réptil de grande interese natural no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Como outros pequenos vertebrados, os lagartos ficaron separados de terra firme ao formarse estas illas, hai uns 9000 anos, co ascenso do nivel do mar.

Este illamento deu lugar a diferenzas na súa morfoloxía e nas súas estratexias vitais. Os lagartos das illas son máis grandes e gostan máis de vivir en grupo que os de terra firme.

Os lagartos arnais do Parque viven nas matogueiras. Precisan dunha mistura de mato, pedras sen sombra onde se expoñer ao sol, e áreas abertas dominadas por herbas onde cazar. Os muros de pedra e as ruínas son un refuxio ideal.

O abandono dos cultivos tradicionais e a desaparición do gando fan diminuir a diversidade destes medios, polo que ás veces e necesario facer rozas selectivas.

As matogueiras destas características albergan tamén unha grande biodiversidade: anfibios, réptiles, insectos e outros pequenos invertebrados que pasan desapercibidos pero que teñen un gran valor científico e ecolóxico.

Tamén moitas plantas como unha subespecie de toxo (Ulex europaeus subsp. latebracteatus) exclusiva de Galicia e Portugal ou a xesta insular (Cytisus insularis) que só existe neste Parque Nacional.

Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:

Pódenche interesar tamén as seguintes entradas:

Presentación dos anfibios e réptiles do Parque Nacional

A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares

Casos de depredación de lagarto arnal por gaivota patiamarela (EN)

Asomando a cabeza, procurando a luz, a calor

A relevancia da matogueira no Parque Nacional. Presentación

Fonte artigo: Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Imaxe destacada: © Fernando Rey

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos