O polbo, protagonista de insólitas escenas de depredación nas Rías Baixas

  /  Destacados   /  O polbo, protagonista de insólitas escenas de depredación nas Rías Baixas
Polbo (Octopus vulgaris)

O polbo, protagonista de insólitas escenas de depredación nas Rías Baixas

polbo (Octopus vulgaris) é un animal mariño, un molusco cefalópodo octópodo. Un carnívoro especialista na depredación e habitante habitual das augas das Rías Baixas de Galicia como podemos comprobar a través destas espectaculares imaxes gravadas polo mergullador galego Pedro Alonso

Este molusco é quen de mudar a súa pel en función do seu estado ou ben para se camuflar. A cor é moi variable, dependendo do estado do animal e da cor e características da contorna na que se agocha, para permitir unha mimetización co medio aínda que normalmente é de cor marrón agrisado. Poden cambiar voluntariamente a cor da pel ou a textura, imitando as rochas. Posúe oito tentáculos con dúas filas de ventosas.

Carecen de cuncha e a súa característica principal é unha coroa de oito tentáculos na cabeza, arredor da boca, provistos de fortes ventosas. Como o resto dos cefalópodos, o polbo ten un corpo brando mais sen esqueleto interno (como as luras) nin externo. Como medio de defensa, o polbo posúe a capacidade de botar tinta e mesmo a autonomía dos seus tentáculos.

Todos os polbos teñen a mesma estrutura básica e son depredadores. Posúen uns ollos moi desenvolvidos, un cerebro e tres corazóns. Dispoñen dun sifón que permite o movemento por expulsión dun chorro de auga; este sifón pode cambiar de dirección. Cada un dos oito brazos está conectado cun pequeno cerebro, dependente do principal, que controla o movemento do brazo. A única parte ríxida do seu corpo é o bico córneo co cal desfai as súas presas. Teñen unha incríbel forza con delicadísimos sentidos de tacto e padal presentes nos seus centos de ventosas, capturando así moitas presas. Cando o brazo do polbo toca a súa superficie, o desenlace é fatal para as súas vítimas.

Vive en áreas litorais, sempre preto da costa, sobre fondos rochosos, agochado durante o día en fendas ou entre rochas. Así, o polbo é un animal de hábitos nocturnos.

Localízase no infralitoral rochoso, onde se alimenta fundamentalmente de crustáceos e moluscos aínda que tamén doutros animais mariños coma os peixes. No vídeo observamos a caza e depredación dunha dourada (Sparus aulata) por parte do noso protagonista.

Segundo conta Pedro Alonso, autor deste impresionante rexistro, “non puiden seguir gravando a escena, acabábaseme o aire, o polbo viña de cazar a súa presa, desta vez unha dourada, inxéctandolle a cefalotoxina que paraliza a presa á vez que disolve a súa carne mentres o vai devorando”, xa dunha maneira máis doada debido a esa parálise . A modo de curiosidade relata Pedro Alonso, “estaba tan preto e tan relaxado gozando da súa presa que mesmo apoia os seus tentáculos na cámara”.

Iso sí, tamén é un depredador moi cobizado e xa que logo depredado polo ser humano debido ao seu altísimo valor comercial e gastronómico. O polbo hai xa moito tempo que é unha especie comercial, mais agora resulta dunha sobrexplotación que vai mermando e pon en apuros as poboacións destes animais mariños de xeito alarmante. É por iso que o autor desta insólita escena alerta de que é  unha “mágoa que nestas augas agora sexa o polbo o que resulta depredado por furtivos e sobrepesca“.

Este audiovisual foi gravado en augas das Rías Baixas de Galicia por Pedro Alonso e publicado o 12 de agosto de 2014 na súa canle de Youtube.

Audiovisual: © Pedro Alonso

Imaxe destacada: captura de pantalla audiovisual de Pedro Alonso

Share This