Unha tese analiza as principais causas do polimorfismo cromático do caracol mariño ‘Littorina fabalis’

  /  CIENCIA   /  Unha tese analiza as principais causas do polimorfismo cromático do caracol mariño ‘Littorina fabalis’

Unha tese analiza as principais causas do polimorfismo cromático do caracol mariño ‘Littorina fabalis’

Está presente en numerosos intermareais rochosos de gran parte do litoral galego

Unha tese analiza as principais causas do polimorfismo cromático do caracol mariño ‘Littorina fabalis’

Axuda a predicir a súa evolución biolóxica, algo básico para poder establecer plans de conservación

D. BESADÍO  DUVI  05/11/2018

O caracol mariño Littorina fabalis é un molusco gasterópodo que está presente en numerosos intermareais rochosos de gran parte do litoral galego e que se caracteriza, entre outros moitos aspectos, polo polimorfismo da cor das súas conchas. Consciente deste feito e disposto a estudar as súas causas o investigador Daniel Estévez centrou a súa tese de doutoramento no estudo dos diferentes aspectos relacionados co feito de que este polimorfismo cromático se teña mantido estable ao longo das últimas décadas. Foron tres anos de investigación e estudo nos que tratou de dar resposta a múltiples preguntas, entre elas a si existe un mecanismo de selección dependente das frecuencias  nas poboacións galegas desta especie, de que forma funciona, cal é o compoñente de eficacia máis relacionado coa cor da concha e se a deriva xenética pode explicar os cambios en frecuencia nos distintos caracteres.

O autor da tese, Daniel Estévez, nunha saída de campo

L. fabalis amosa un claro polimorfismo de cor e patrón de bandeado na concha que, na aldea coruñesa de Abelleira, en plena ría de Muros e Noia, leva manténdose estable durante máis de 21 anos”, explica o autor da tese, investigador no Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, quen fai fincapé en que despois de todo o traballo realizado ao longo dos tres anos que lle dedicou á redacción deste estudo, ten claro que un dos mecanismos máis plausibles para explicar o mantemento da cor no tempo é unha selección sexual dependente das frecuencias que está causada por unha preferencia negativa exercida polos machos.

Esta explicación ten, segundo defende o investigador, a súa principal defensa no feito de que as parellas máis frecuentes son aquelas entre cores distintas, o que tamén sería consecuencia dunha preferencia negativa. Por outra parte, para o patrón de bandas non se atoparon evidencias de selección sexual dependente das frecuencias, pero si que acharon unha relación inversa entre unha compoñente de eficacia global e a frecuencia de individuos bandeados na poboación. “É de interese o feito de que, en ambos carácteres a deriva xenética -forza evolutiva que explicaría os cambios en frecuencia polo azar- explicaría suficientemente os cambios no polimorfismo cando estes non son esaxerados de ano a ano mentres que non os explica cando son máis acusados”, recalca Estévez, quen considera que isto apuntaría a que tanto a cor como o patrón de bandeado mantéñense no tempo pola acción conxunta tanto da deriva como da selección natural, alternándose a intensidade destas dúas en función da magnitude dos cambios no polimorfismo.

O caracol mariño ‘Littorina fabalis’ está presente en numerosos intermareais rochosos de gran parte do litoral galego

Estudos claves para establecer plans de conservación desta especie

Os resultados desta tese de doutoramento, dirixida polos profesores Juan Galindo e Emilio Rolán e defendida na Facultade de Bioloxía, permiten agora que a comunidade científica poida aproximarse a predicir a evolución biolóxica en diferentes poboacións naturais desta especie. “Coñecer de que formas varía a diversidade xenética permite avaliar como soportarían ditas poboacións cambios e perturbacións ambientais”, explica o investigador, ao tempo que subliña o feito de que no momento de establecérense plans de conservación ou de explotación dun determinado recurso é sempre fundamental coñecer estes aspectos nos distintos organismos dun ecosistema determinado.

Imaxe destacada: O caracol mariño ‘Littorina fabalis’  caracterízase, sobre todo, polo polimorfismo da cor das súas cunchas

Share This