Xosé Neira Vilas, homenaxe a Balbino (Vigo, 2009)

  /  HISTORIA   /  Xosé Neira Vilas, homenaxe a Balbino (Vigo, 2009)

Xosé Neira Vilas, homenaxe a Balbino (Vigo, 2009)

Xosé Neira Vilas (1928-2015) visitou Vigo en xuño de 2009 para participar nunha Homenaxe a Balbino, o protagonista da súa novela Memorias dun neno labrego, que publicou en 1961, un clásico da literatura galega que nos fala dos tempos de miseria e opresión aló polos anos da postguerra. Neste vídeo asistimos a un inspirado diálogo entre Xesús Alonso Montero, hoxe presidente da Real Academia Galega, e o autor do libro, que xira ao redor da vida dos malpocados rapaces das aldeas de Galicia. No transcurso do acto, organizado por Avelino Muleiro e Ismael González, a homenaxe a Balbino derivou, loxicamente, nunha homenaxe a Pepe Neira, e tamén á súa dona Anisia Miranda (1932-2009), inseparable compañeira durante medio século, quen falecería tres meses despois. Arroupados por amigos e persoas significativas da cultura galega, caso de Avelino Pousa Antelo (1914-2012) e María do Carme Kruckenberg (1926-2015), os homenaxeados mostraron agradecemento con emoción e bo humor.

Vídeo reportaxe: Basilio Cegarra.

Ilustración Balbino (Memorias dun neno labrego): Isaac Díaz Pardo.

Author: Basilio Cegarra

Basilio Cegarra é profesor de Historia da arte. Dende 1992 publicou diversos libros sobre arte de Galicia e historia local de Vigo, sendo a última obra a Guía visual do barrio histórico de Vigo (Editorial Galaxia,2015). Tamén publicou materiais de carácter didáctico no marco da súa profesión docente. Como fotógrafo participou en varias exposicións individuais e colectivas, sendo igualmente autor de numerosos vídeos e documentais. Na actualidade é colaborador habitual de Cies.gal aportando galerías de imaxes e vídeos do noso contorno natural e da cultura urbana viguesa.

Share This