Máis de 150 prazas para coñecer os catro arquipélagos do Parque Nacional fóra da época estival

  /  ACTUALIDADE   /  Máis de 150 prazas para coñecer os catro arquipélagos do Parque Nacional fóra da época estival

Máis de 150 prazas para coñecer os catro arquipélagos do Parque Nacional fóra da época estival

A Consellería de Medio Ambiente retoma o programa ‘Descubrindo o parque nacional’, co que se ofrecen máis de 150 prazas para coñecer o patrimonio natural das catro illas que conforma o único parque nacional da Comunidade

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza un inverno máis un total de nove rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. Baixo o lema Descubrindo o Parque Nacional, este programa de visitas, de carácter gratuíto e dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer o patrimonio natural e ambiental do arquipélago fóra da tempada estival. Así, desde hoxe mesmo os interesados poden solicitar a reserva de praza a través da web reservasparquesnacionales ou facelo de forma presencial nas oficinas do parque nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).

Durante a actual campaña, que arrancará o 24 de febreiro en Ons e se estenderá ata o próximo 15 de abril, ofreceranse un total de 158 prazas para visitar as catro illas que conforman o parque. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible, ao tempo que se garante a preservación dos valores do entorno.

Como os anos anteriores, o prazo para inscribirse mantense aberto ata catro días antes da visita e para cada ruta abrirase unha lista de agarda coa que cubrir eventuais baixas. De feito, en caso de non poder asistir e tendo en conta á alta demanda que ten a actividade, cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como máximo tres días antes.

Todas as actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen con saída desde distintos portos, ou ben achegarse en embarcacións privadas autorizadas. Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular diario, o propio parque organiza un transporte especial pero o custo do billete deberá asumilo igualmente o interesado.

Este programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.250 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival, unha época de menor afluencia na que se poden descubrir outros aspectos singulares do Parque Nacional.

Ruta a Cíes para familias con nenos

A temática das rutas é moi diversa, xa que van desde o carácter histórico e botánico do percorrido pola illa de Cortegada coa ruta O segredo dun bosque no medio do mar, pasando pola riqueza xeolóxica das rochas de Sálvora coa visita Esculturas e lendas, pola toponimia de Ons coa ruta Unha illa de nomes, ata chegar á historia das Cíes cunha Viaxe no tempo.

Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá unha ruta especial pensada para familias con nenos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, concretamente, o luns 15 de abril en Cíes. Durante o percorrido pola illa faranse dinámicas e xogos que axuden aos rapaces a coñecer os ecosistemas do Parque Nacional. Como máximo poderanse inscribir dous nenos con cada adulto participante na actividade, especialmente recomendada para menores de entre 5 e 11 anos.

Na seguinte táboa indícanse as datas nas que se poden realizar estas excursións, o título das mesmas e as prazas por día.

 

ILLA
Data
Horario saída e chegada a porto
Porto saída
Nº Participantes Prezo por persoa
Cíes
Xoves 28 de marzo
10 a 18h aprox
Vigo
22
10€
Luns 15 abril (para nenos)
12h na caseta Cies.*
20
*Cada persoa xestiona a súa viaxe
Ons
Domingo 24 de febreiro
10 a 18h aprox
Portonovo
17
10€
Sálvora
Domingo 3 de marzo
9:30 a 14 aprox
O Grove
22
15€
Sábado 30 de marzo
9:30 a 14 aprox
O Grove
I
22
15€
Martes 26 de marzo
16:00 a 19:30aprox
Aguiño
22
15€
Cortegada
Domingo 17 de marzo
10:00 a 13:00
Carril
11
10€
Domingo 31 de marzo
10:30 a 13:30
Carril
11
10€
Martes 2 de abril
16:30 a 19:30
Vilagarcía
11
10€

 

Fonte: C. de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Imaxe: José A. Campos

Share This