Facilitaráse a participación do alumnado en actividades de escalada, montañismo ou alpinismo
A Universidade e o Club Peña Trevinca colaborarán na promoción dos deportes de montaña
A entidade deportiva encargarase da organización da andaina da HappyGoRunning-Cidade Universitaria
A Universidade de Vigo e o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia unirán esforzos e estratexias para promocionar os deportes de montaña entre a comunidade universitaria. Con este obxectivo acaban de asinar un convenio de colaboración no que ambas institucións se comprometen a traballar conxuntamente para que o estudantado e o profesorado teñan información directa e concreta das actividades que desenvolve o club, dentro e fora da comunidade autónoma, relacionadas co montañismo, o sendeirismo ou a escalada. Deste xeito, o club facilitará a súa participación sobre todo en aquelas actividades de montaña que poidan ter interese, no só no eido deportivo, entre o alumnado visitando distintas zonas da cordilleira cantábrica, Picos de Europa, Pirineos e outros parques nacionais.
O Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia en Benasque, Huesca
O club vigués, fundado en 1944, realiza cada mes actividades relacionadas coa natureza para todas as idades, a través das súas seccións de adultos, infantil e xuvenil. Outro das vantaxes deste convenio será que os socios máis novos do club poderán dispoñer do rocódromo universitario para a práctica da escalada. Ademais, dentro desta modalidade deportiva o club facilitará información e apoio para a participación e iniciación dos estudantado que o desexe nos distintos cursos de escalada, montaña invernal, alpinismo e outros que imparten os monitores da Escola Galega de Alta Montaña dentro da estrutura da Federación Galega de Montañismo.
Colaboración coa andaina da HappyGoRunning-Cidade Universitaria
O Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia ten colaborado anteriormente coa Universidade de Vigo en diferentes actividades, por exemplo, dando apoio técnico na modalidade de escalada nos Xogos Galaico-Durienses celebrados en Portugal, nos que participan deportistas das universidades galegas e do norte do país luso. Agora, coa sinatura deste convenio tratase de institucionalizar esta cooperación e unha das primeiras accións que se levarán a cabo terá como marco a carreira HappyGoRunning-Cidade Universitaria. O club de montaña encargaráse da organización da andaina que se celebrara de xeito paralelo á proba de 10 km, que neste 2017 chega á súa décimo primeira edición o vindeiro 23 de abril. Deste xeito, o percorrido sendeirista renovarase respecto a anos anteriores e farao da man do Club Peña Trevinca.