Este venres arranca a fase formativa para converter as ideas de negocio en oportunidades de autoemprego
25 persoas apostan en Moaña polo emprendemento mariño no programa Empreamar
Á fase de preincubación chegarán ata un máximo de seis proxectos
Este venres 31 de marzo arranca a fase de formación do programa de emprendemento mariño Empreamar, que impulsan o Campus do Mar e o concello de Moaña en colaboración co Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP 7 Vigo-A Guarda). O obxectivo desta iniciativa é incentivar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, que aproveiten de maneira sostible a gran cantidade de recursos que ofrece o mar, para xerar valor económico e social no ámbito territorial de actuación do GALP co concello de Moaña como sede.
Antes do inicio da primeira fase, os participantes tiveron unha sesión de presentación esta pasada fin de semana, na que participaron Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo do concello de Moaña, María Ortega, concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade e Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia do Campus do Mar, que deron á benvida ao programa ás persoas inscritas. Esta última explica que en total son 25 os inscritos e cun perfil moi diverso, dende xente do mar a desempregados novos ou persoas de mediana idade. Jorge de los Bueis, coordinador do programa Empeamar, foi o encargado de presentar o detalles organizativos e docentes e de explicar os obxectivos de cada unha das fases. “Temos un perfil heteroxéneo porque, á diferencia doutros programas de emprendemento, este non vai dirixido a un público concreto, non son universitarios nin egresados e precisamente este é o trazo diferenciador de Empreamar, que nos permite saír da contorna universitaria e aterrar no territorio, na realidade, nas necesidades da sociedade”. Neste sentido, remarca De los Bueis, entre os 25 participantes existe unha diversidade absoluta, tanto en experiencia, como en formación e en intereses, “o que os une é a súa relación con Moaña e co eido mariño e, polo tanto, temos persoas en situación de desemprego, outras que teñen un emprego parcial e buscan diversificar a súa actividade laboral, mozos e mozas con estudos superiores, etc”. Isto, recoñece o responsable do programa, “é un reto”, ao que se enfrontan apostando pola formación personalizada, polo trato directo para coñecer as necesidades concretas de cada un deles.
Este venres arranca a fase inicial de formación
O vindeiro venres dará comezo a fase inicial do programa no Padroado de Beiramar, onde se realizarán case todas as actividades formativas. O sábado 1 de abril os participantes desprazaranse ao campus universitario para participar nunha sesión de adestramento de habilidades. Segundo explica Cristina Quelle, o outdoor campus é unha actividade na que colabora o Servizo de Deportes da Universidade para desenvolver unha dinámica de grupo na que adestrar o traballo en equipo, o liderado, as competencias transversais, etc.
A segunda parte do programa comprende as fases de Reforzo de capacidades e de Ideas de negocio e estenderánse no tempo ata o vindeiro mes de maio. Xa en xuño terá lugar a fase de selección de ideas de negocio e a finais de xuño está previsto que de comezo a fase de preincubadora. Para esta última seleccionaránse ata un máximo de seis ideas de negocio, as que teñan maior potencial entre todas as propostas dos 25 participantes. A fase de preincubación alongarase ata febreiro de 2018 co obxectivo de que as persoas que impulsen estas ideas sexan quen de materializar os seus proxectos vinculados ao mar e á comarca moañesa, xeran riqueza e oportunidades laborais.Para axudar a perfilar os proxectos que deben xurdir nestes meses, dende a organización de Empreamar estase a elaborar un estudo dos recursos mariños da contorna de Moaña que poden ser aproveitables para emprender dun xeito sostible, incluíndo tamén outras ideas de negocio postas en marcha noutros lugares que poderían ser trasladables a esta zona. Ademais, comezarase a traballar en breve “cos grupos de interese da zona, como confrarías ou asociacións, para que eles tamén nos indiquen cales son as necesidades do territorio, os nichos onde creen que se pode emprender achegando beneficios para a comunidade”.