A Facultade de Ciencias do Mar inicia as súas celebracións reivindicando a súa valía e recoñecemento social
Felices 25 anos de vocación mariña!
Manuel Toharia ofreceu unha conferencia nun acto protagonizado por egresados e docentes
Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo iniciou hoxe ás celebracións do seu 25 aniversario reivindicando a valía das súas egresadas e egresados, así como un recoñecemento social do que na actualidade, consideran, que a profesión de oceanógrafo carece. A existencia en España de tan só seis universidades nas que se imparte o Grao en Ciencias do Mar limita o número de titulados, que non acadan a masa crítica e o coñecemento que a sociedade e mesmo os ámbitos profesionais teñen doutras titulacións. Sobre como cambiar esta situación, así como sobre que medidas adoptar para mellorar a inserción laboral das e dos egresados, xiraron as reflexións que os actuais e antigos xestores do centro realizaron nunha mesa redonda coa que finalizou o acto de inicio das celebracións das vodas de prata da titulación, que se prolongarán ao longo de todo o curso. A decana do centro, Belén Rubio, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e a tenente de alcalde do concello de Vigo, Carmela Silva, foron os encargados de abrir un acto celebado no auditorio Municipal da rúa Areal, no que o físico e diivulgador científico Manuel Toharia ofreceu unha conferencia na que falou do cambio climático e incidiu na necesidade de estudar máis en profundidade de que xeito o mar inflúe nel.
Ante un público formado, na súa maior parte, por persoal docente e investigador, alumnado e egresados e egresadas da titulación, o reitor e primeiro decano do centro, Salustiano Mato, lembrou as dificultades que a licenciatura enfrontou nos seus inicios e asegurou que o Grao en Ciencias do Mar “é o lazo que une todo o potencial que existe en Vigo arredor do mar e é o cemento que permite consolidar o traballo que realizan diferentes institucións relacionadas co ámbito mariño”. O reitor destacou o “mapa de cooperación intelixente” creado con iniciativas como Campus do Mar ou Blue Growth, “que nos fan máis visibles no mundo”, afirmou. Pola súa banda, Carmela Silva referíuse á Facultade de Ciencias do Mar como un elemento que “representa e identifica a Vigo” e felicitou ao centro polo seu aniversario desexándolle mil primaveras máis.
“Somos auga de mar por dentro”
O cambio climático no planeta auga foi o título da conferencia na que Manuel Toharia incidiu na necesidade de incrementar o coñecemeto sobre algúns dos factores que infúen ou poden influír no cambio climático e de xeito moi especial o mar. Toharia comezou por lembrar a explosición demográfica sufrida na Terra, onde de algo máis de 1000 millóns de habitantes a principios do século XX, pasouse a 7400 millóns na actualidade, e o consecuente incremento experimentado na demanda de auga, alimentos e enerxía, necesidade esta última que conleva a queima de combustibles fósiles e a produción de dióxido de carbono, que xunto a co vapor de auga, producen o efecto invernadoiro.
Así como a día de hoxe a medición do vapor de auga non é posible, o físico avogou por que se siga a avanzar no coñecemento “das moitas cousas que non sabemos” e neste sentido asegurou que “os estudos do mar xogarán un papel preponderante no estudo do cambio climático”. Toharia lembrou que os humanos somos animais mariños, “somos auga de mar por dentro e o mar é a vida total”, dixo o cientifico, que considera que no mar está a explicación de moitos fenómenos e cuestións que nos afectan.
25 anos, 1200 egresados e moito por facer
O primeiro dos actos de celebración do 25 aniversario da facultade rematou cunha mesa redonda na que, trala intervención da actual decana, participaron os ex decanos Patxi Reigosa, Gabriel Rosón e Jesús Souza Troncoso e as vicedecanas Ana Bernabeu e Nuria Pedrol. Belén Rubio, tras lembrar os fitos máis destacados a historia recente do centro, do que saíron nestes 25 anos máis de 1200 egresados e egresadas, destacou a elevada produción científica acadada neste período, así como carácter vocacional da titulación. A decana destacou o papel preponderante que todos os organismos, do G7 ata a Xunta, conceden ao mar con estratexias como Blue Growth ou RIS3, pero non agochou a súa preocupación polas cifras de empregrabilidade que acadou a titulación nos últimos anos e que se sitúan arredor dun 50%. Rubio reclamou ademais dun incremento nos investimentos en I+D un esforzo por reter o talento e asegurou que “hai moito por facer e moito futuro”.
Patxi Reigosa lembrou o entusiasta equipo que o recibiu ao chegar á dirección do centro, que daquela incluía as facultades de Bioloxía e Química. Tras destacar a importancia de Campus do Mar, “a xoia da coroa”, Reigosa destacou a profesionalidade do persoal do centro ao que augurou un gran futuro. Pola súa banda, Gabriel Rosón lamentou a caída da vocacionalidade na titulación e gabou o traballo acadado pola Asociación Galega de Oceanógrafos a prol do recoñecemento da profesión e a inserción laboral das e dos profesionais. Mentres, Jesús Souza Troncoso autodefiniuse como “o decano feo” a quen lle tocou lidiar coa implantación do grao e animou ao alumnado a “comerse o mundo cando rematedes a carreira”.
A vicedecanas Ana Bernabeu e Nuria Pedrol foron as encargadas de pechar o acto reflexionando sobre a necesidade dun maior recoñecemento para as e os oceanógrafos e lembrando que son moitos as e os egresados saídos das aulas da facultade viguesa que están desempeñar o seu labor en destacadas empresas e institucións de todo o mundo.
Imaxe destacada:
Belén Rubio, decana da facultade de Ciencias do Mar, reivindicou a valía dos profesionais.
Fonte: