Voluntariado ambiental na illa de Sálvora con ADEGA

Portada » O Parque Nacional » Voluntariado ambiental na illa de Sálvora con ADEGA

Out 4, 2016 | ACTUALIDADE

Nova quenda do campo de voluntariado ambiental de Sálvora para a eliminación de invasoras

Esta iniciativa continúa os traballos de eliminación de EEI iniciados en 2015 así como as tarefas de estudo e mantenemento das charcas e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un espazo natural cun importante valor para a conservación da biodiversidade, é por iso que é un dos dous Parques coa denominación Marítimo – Terrestre do Estado. Nestes espazo protexido tanto os ecosistemas acuáticos como os terrestres destacan polo seu valor ecolóxico e pola necesidade imperiosa da súa conservación.

As especies exóticas invasoras (EEI) son a segunda causa de extinción de biodiversidade no planeta, porén esta ameaza chega a ser a principal causante da perda de especies nas illas. Nestes ecosistemas tan singulares a introdución de EEI, é moito máis daniña, e por tanto máis importante a súa eliminación e control.

O Parque Nacional galego posúe lamentablemente diversas especies invasoras tanto de flora como de fauna, que levaron a desenvolver ao longo dos anos programas e investigacións centradas no seu control. Unha parte destes programas é a centrada na divulgación da problemática entre a cidadanía, e a creación de espazos de participación como é o voluntariado ambiental.

ADEGA conta cunha ampla traxectoria na xestión de voluntariado en toda Galiza, especialmente no traballo con especies exóticas invasoras, é por iso que organiza un novo campo de tres días para traballos voluntarios na illa de Sálvora.

O campo comezará o martes 11-O á tarde co desprazamento ata a illa de Sálvora. Unha vez alí realizaráse unha charla formativa sobre o proxecto e as actividades de eliminación de EEI. O mércores 12 están programados os traballos de campo para os cales os participantes se dividirán en varios grupos. O xoves haberá unha posta en común dos traballos realizados. Ademais haberá actividades complementarias como roteiros pola illa ou observación de aves e cetáceos (se o tempo o permite).

Nesta actividade participarán 12 persoas voluntarias, que contarán con seguro de accidentes, comida e aloxamento na illa. O custo é de balde e as prazas son limitadas.

 

Máis información e contacto:

Información e inscricións: 981570099; 619672038; ramses@adega.gal

Ligazóns

Descargas

ADEGA. Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza

Enderezo:
Travesa dos Basquiños, 9 – baixo
15704 Santiago de Compostela – A Coruña

Teléfono: 981 57 00 99 // Fax: 981 57 00 99 // E-mail: adega@adega.gal

Fonte:

www.adega.gal

Fai clic sobre a imaxe para poder mirar o cartaz:

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos