Un mar de ciencia na rúa e máis cousas en CC do Mar
Na Facultade de Ciencias do Mar, na que tamén se celebra o 25 aniversario da posta en marcha destes estudos, as actividades de celebración arrancan este mércores cunha conferencia de Carlota Escutia, a representante española no programa internacional de perforacións oceánicas IODP (International Ocean Discovery Program), cuxa finalidade é a exploración da Terra baixo o mar. “É unha persoa que ten moita experiencia no estudo sedimentolóxico de marxes e concas oceánicas con aplicacións de carácter paleoceanográfico e paleoclimático, entre outros”, explica Belén Rubio, decana do centro. Será o día 17 de novembro ás 13 horas.
Tras o paso de Escutia, as actividades transladaranse á rúa do Príncipe, entre os días 18 e 19 de novembro, onde se van celebrar os talleres Un mar de ciencia na rúa, organizados de xeito conxunto co Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC co obxectivo de achegar as Ciencias do Mar á sociedade de maneira didáctica e divulgativa. Haberá actividades de 10.00 a 20.00 horas e, dende a facultade viguesa participan con tres talleres: Océanos de Plástico, dirixido a dar coñecer os problemas que causan os plásticos nos océanos; A importancia das dunas, para axudar a descubrir e a importancia destes ecosistemas nunha praia, e Un océano ácido, orientado a falar sobre as consecuencias da acidificación dos océanos debido á actividade humana.