A expedición galega da Campaña Antártica xa partiu cara Illa Decepción

Portada » O Parque Nacional » A expedición galega da Campaña Antártica xa partiu cara Illa Decepción

Feb 8, 2017 | ACTUALIDADE, CIENCIA

A expedición galega da Campaña Antártica xa partiu cara Illa Decepción

Con 13.000 km e varios días de viaxe por diante, o equipo de científicos galegos que forma parte da Campaña Antártica 2017 partiu o pasado venres pola tarde de Vigo rumbo a Madrid, para voar despois a Santiago de Chile e logo a Punta Arenas, onde nuns días embarcarán no buque oceanográfico “Hespérides” cara a Illa Decepción, a que será a súa casa e o seu laboratorio durante o próximo mes. Os investigadores de Ciencias do Mar Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, xunto con Luis Sampedro, do CSIC, desenvolverán alí un dos proxectos seleccionados polo Ministerio de Economía e Competitividade dentro da convocatoria de investigación polar da Campaña Antártica 2016/2017.

Se as condicións climatolóxicas son favorables, agardan chegar á base española Gabriel de Castilla, na Illa Decepción, o día 10, xusto unha semana despois da súa partida dende Galicia. E arribarán a bordo do buque oceanográfico Hespérides, que xunto co BIO Sarmiento de Gamboa, se atopa na zona dende que arrancou a campaña de I+D no mes de decembro, encargándose do revelo dos diferentes equipos científicos e do material durante estes meses. Os investigadores galegos permanecerá na Antártida ata o 13 de marzo, e durante ese mes compartirán aloxamento e espazos de traballo con outros científicos de universidades e centros de I+D de todo o estado e co persoal do Exército de Terra que se ocupa do mantemento da base militar.

Os efectos do cambio climático sobre as macroalgas

O proxecto Procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios está coordinado polo profesor Mariano Lastra e conta cun orzamento de 50.000 euros e tres anos de duración. Para o docente, este é a sétima expedición ao continente xeado, a segunda dentro deste mesmo proxecto (outras cinco desenvolvéronse baixo o paraugas de dous proxectos anteriores). Sobre o estudo actual, os científicos vigueses explican que “as praias son ambientes de baixa produtividade, é dicir, que teñen moi pouca vexetación mariña e terrestre, pola que a chegada de algas representa un subministro de alimento que sostén boa parte da cadea alimenticia”. É dicir, que as algas varadas serven como refuxio dun gran número de especies de pequeno tamaño e axudan ademais a conservar as praias ao acumular ao seu redor gran cantidade de area, que doutra forma sería arrastrada polo vento e as ondas. Estes fenómenos, amplamente estudados noutras zonas do planeta, non o foron tanto no litoral Antártico, e este é o xermolo do proxecto vigués. Subliñan os docentes que os datos previos apuntan á relevancia ecolóxica do varamento destas algas na costa, vinculada á enorme produtividade dos mares antárticos. O obxectivo do equipo galego é valorar a importancia das grandes algas antárticas (macroalgas) na ecoloxía do litoral de Illa Decepción e os resultados que obteñan poderán ser extrapolables a amplas zonas do litoral antártico que carecen de xeo durante o verán.

Para esta investigación, os científicos remarcan a importancia de que Illa Decepción sexa un “sistema de caldeiras volcánicas colapsado e ocupado polo mar” e isto ten como consecuencia unha importante actividade xeotérmica. Isto ofrece “unhas condicións moi peculiares nas que se combinan climatoloxía polar, riqueza biolóxica e vulcanismo, algo difícil de atopar noutras zonas do planeta”. O estudo analizará o proceso de descomposición da algas en zonas nas que existe quentamento de orixe volcánica, e os resultados axudarán a interpretar os grandes cambios que está sufrindo a Antártida en termos de cambio climático. De feito, un dos aspectos aos que o equipo galego prestará máis atención serán as emisións de gases de efecto invernadoiro durante os procesos de descomposición das algas, xa que a previsión é que a presenza destes gases na atmosfera aumente en forma significativa nas próximas décadas vindeiras, un fenómeno especialmente evidente e preocupante en contornas polares.

Fonte: duvi

Imaxe:

Illa Decepción. Base española “Gabriel de Castilla”. De SnowSwan – Trabajo propio, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=24617387

FEDER facer Europa

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos