XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Combarro 2017
Xa está activa a web do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2017. Paulatinamente iráse incorporando información na web conforme se vaia confirmando.
Neste momento o programa aínda non está pechado e o Comité organizador espera poder facelo público en pouco tempo. Respecto da acollida a barcos e tripulacións, a oferta será similar á doutras edicións, haberá un pavillón e unha acampada gratuítos para pernoctar, e ofreceráse a posibilidade de comer na carpa mariñeira a prezo reducido.
Como Combarro é un pobo cunha gran afluencia turística recomendamos que quen queira pernoctar pola sua conta faga o antes posible a reserva. Tamén recomendamos a quen vaia participar co seu barco que faga a inscrición o antes posible para facilitar o traballo dos encargados da loxística dos atraques.
Así, como dixemos, entre os vindeiros 29 de xuño e 2 de xullo celebraremos en Combarro-Poio a décimo terceira edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia, é unha das manifestacións da cultura marítima máis importantes das que se celebran na península Ibérica e, sen dúbida, a máis masiva polo número de embarcacións e tripulantes que participan. Ten, así mesmo, carácter internacional, pois amais de representacións do País Vasco e de Cataluña e outros territorios do Mediterráneo, é constante nas últimas edicións a asistencia de delegacións doutros países europeos (Francia, Escocia, Irlanda, Inglaterra ou Croacia), sobre todo de Portugal.
O Encontro basicamente consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, arredor de 150, que se exhibirán para desfrute do público visitante no porto de Combarro e desenvolverán navegacións de mañá e tarde pola ría de Pontevedra. Ao mesmo tempo, nos espazos portuarios e nas prazas públicas da vila desenvolveránse diversas actividades culturais e de lecer dirixidas aos propios participantes e, sobre todo, á veciñanza e aos milleiros de visitantes: exposicións, obradoiros, mostras artísticas diversas e de artesanía, gastronomía, actuacións musicais etc. Estas actividades, que xiran maiormente arredor do patrimonio marítimo e a cultura mariñeira, están pensadas para un público de calquera idade e condición, salientando neste sentido os programas dirixidos ás persoas con discapacidades físicas e intelectuais, así como o Encontro Infantil, adicado especialmente á infancia.
Coa organización do evento corre un amplo comité organizador encabezado pola entidade titular do Encontro, Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a asociación local Clube Mariño A Reiboa e o concello de Poio, no que se integran numerosas asociacións, entidades e persoas, fundamentalmente de Poio e da comarca. O patrocinio corresponde á Administración pública (Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Poio), neste caso xa concertado, e ás empresas que decidan achegar a súa colaboración.
O lema desta edición, O mar lugar de encontro, persegue a confluencia e participación, xunto ás entidades adicadas á salvagarda do patrimonio marítimo, de todos os axentes que nos encontramos no mar: mariñeiría da pesca, mercante ou marisqueo, do lecer e o deporte, militar…
Pódeche interesar tamén:
Máis información e contacto:
XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia- Combarro 2017