Preto de 2000 persoas participaron nos talleres do IEO no Museo de Arte Contemporánea MARCO de Vigo
A actividade “Viaxe ao Centro do Oceanográfico” estivo enmarcada na conmemoración do centenario do Centro Oceanográfico de Vigo
O Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), continuando coas celebracións do seu centenario, compartiu o seu traballo coa sociedade organizando uns talleres científicos no Museo de Arte Contemporánea MARCO que se celebraron do 18 ao 29 de abril e que recibiron a case 2000 persoas
Vigo. Xoves 4 de maio de 2017
A actividade, baixo o título “Viaxe ao Centro do Oceanográfico“, contou coa participación dos distintos grupos de investigación do Centro Oceanográfico de Vigo, dedicados ao estudo dos ecosistemas mariños, a acuicultura, a pesca, a oceanografía e a contaminación.
No seus talleres, e a modo de “minilaboratorios” adaptados a todas as idades, os visitantes puideron interactuar e aprender, de maneira sinxela, o funcionamento dos equipos cos que se traballa no mar. Ademais, os máis pequenos tiveron o seu propio taller (“Oceanoteca“) no que mediante xogos, contos e manualidades achegáronse ao océano e aos animais que viven nel.
Durante as mañás recibiuse a visita dos alumnos de primaria acompañados dos seus profesores e polas tardes, nas actividades abertas ao público xeral, nenos e adultos de todas as idades gozaron tamén dos talleres
Durante as xornadas do sábado, en paralelo co resto de talleres, a investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo Isabel Riveiro, impartiu con gran éxito talleres de Gyotaku (técnica de impresión en papel de animais mariños) aos que asistiron 30 persoas.
A mañá do mércores 26 de abril sete monitores de tempo libre do Obradoiro Conciliamos, dependente do concello de Mos, realizaron parte da súa aprendizaxe práctica participando nos talleres.
Na xornada do venres 28 de abril o alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou os talleres.
A estas cifras hai que sumar os asistentes o 18 de abril á presentación oficial da actividade, que contou coa presenza de Miguel Anxo Prado, unha figura do cómic recoñecida internacionalmente que se encargou do deseño do cartel promocional e do identificativo de cada taller para estas xornadas e que impartiu a charla co título “O Mar: entre o real e o mítico“.
Na realización desta actividade colaboraron: Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra,
Porto de Vigo, Xunta de Galicia, Fundación MARCO e Consorcio da Zona Franca de Vigo