Mareas vermellas e fitoplancto tóxico en Galicia
Por Francisco Rodríguez Hernández
Marea vermella é unha expresión confusa porque se utiliza como sinónimo de algas tóxicas. Isto resulta particularmente falso en Galicia, onde temos proliferacións tóxicas “sen cor” tódolos anos, e mareas vermellas inocuas.
É por isto que cando Manuel Garci (IIM-CSIC) e Jorge Hernández (IEO) comentáronnos o seu proxecto de divulgación audiovisual “Mareas Vermellas”, non puidemos máis que mostrar entusiasmo e ofrecer todo o apoio e información que fosen necesarios dende o IEO de Vigo.
En primeiro lugar recoméndolles ir á web e ver o documental (http://www.mareasvermellasgalicia.com/ e http://fitopasion.com/). E logo, se lles pica a curiosidade, na devandita web teñen información histórica e datos básicos sobre as mareas vermellas, o fitoplancto nocivo en Galicia, e mesmo un servizo de alertas para que nos avisen se contemplan unha marea vermella.
As mareas vermellas en Galicia eran coñecidas desde antigo polos mariñeiros e pescadores, os cales adoitaban dicir que o mar estaba “c’oa purga ou purgando”. Facendo caso ao saber popular, non se recollía marisco se existía cor na auga e mesmo hai un refrán que di: “Dende San Bartolomeu (24 agosto) a San Simón (28 outubro) non probelo mexilón”.
De aquí probablemente a confusión entre mareas vermellas e toxicidade: trátase dunha coincidencia temporal dos factores ambientais que favorecen ás proliferacións tóxicas e a aparición de mareas vermellas no verán e outono.
Precisamente, a conta dunha marea vermella produciuse unha animada discusión entre Ramón Sobrino Buhigas (naturalista e profesor da Facultade de Ciencias en Santiago) e Odón de Buen (director do IEO de Vigo) enfrontados pola interpretación do organismo responsable dunha marea vermella en 1916 nas Rías Baixas.
Odón de Buen publicou inicialmente que se trataba de radiolarios (de Buen, 1916). Pero Ramón Sobrino recolleu mostras durante unha marea vermella no porto de Marín en 1917 e identificou correctamente (con gran detalle e mérito para os medios dos que dispoñía), ao dinoflagelado Gonyaulax polyedra (Lingulodinium polyedra).
Nese traballo (Sobrino, 1918) aparecía ademais un cadro orixinal do seu irmán Carlos Sobrino, a primeira manifestación artística dunha marea vermella en Galicia, desgraciadamente en paradoiro descoñecido.
Houbo que esperar á década dos 50’ para que Ramón Margalef estudase en detalle as mareas vermellas (Margalef, 1956). Él, do mesmo xeito que Sobrino en 1918, atopou que o dinoflagelado Lingulodinium polyedra era abundante, pero non o único responsable das mareas vermellas: tamén sinalou aos dinoflaxelados Gonyaulax diacantha, G. spinifera e ao ciliado Mesodinium.
NOTA: (De todos eles, o único que hoxe en día segue producindo mareas vermellas habitualmente nas Rías Baixas é Mesodinium. Cabe destacar que Mesodinium é o único alimento coñecido de Dinophysis, o xénero de dinoflaxelados produtor de toxinas diarreicas e principal responsable dos peches de explotación de marisco en Galicia entre primavera e outono. Dinophysis nunca produce coloración no mar (mareas vermellas) en Galicia. As especies máis abundantes son D. acuminata e D. acuta, fotosintéticas pero sen cloroplastos permanentes; obtéñenos a través da alimentación roubándollos a Mesodinium, que á súa vez os captura de algas criptofíceas).
Así describía Ramón Margalef en 1956 o aspecto dunha marea vermella:
“Se ve más lisa (¿tensión superficial menor?) y frecuentemente acumula espuma […] seguir las manchas desde una embarcación es como pretender cartografiar un conjunto de nubes atravesándolo en un avión […] En términos generales, puede decirse que sólo afectan a los 5 metros superficiales y, posiblemente, el límite inferior de la mayoría de las manchas coincide con la superficie de mayor discontinuidad térmica […] y que se halla entre los 2 y los 3 metros de profundidad.”
Pasaron exactamente vinte anos, xa con bateas nas rías galegas pero sen ningún sistema de análise de biotoxinas e sucedeu o inevitable: as primeiras intoxicacións debidas a unha proliferación de fitoplancto tóxico en outubro de 1976.
Unhas fortes choivas ao comezo do outono, combinadas con temperaturas propias de verán-outono, favoreceron a proliferación de dinoflaxelados nas rías baixas. A coloración na auga pasou desapercibida, o mar estaba picado, e tan só observáronse indicios de marea vermella na zona de Marín (ría de Pontevedra). Esta foi unha rara ocasión onde ambos os fenómenos coincidiron (episodio tóxico mais marea vermella).
O mexillón recolleito en outubro comercializouse normalmente en España e outros países europeos. Antes de 1976 non se produciron nunca intoxicacións graves (e se as houbo pasaron desapercibidas ou confundidas con outros motivos). Os primeiros casos de intoxicación apareceron en Suíza, logo estalou a bomba informativa en Francia. Ao principio a noticia anunciaba unha catástrofe, case 100 persoas intoxicadas, aínda que logo só foron 23 as que necesitaron hospitalización urxente.
Tamén en España houbo unha vintena de casos e varios ingresos hospitalarios en Santiago de Compostela, Segovia, etc. Os mercados internacionais pecháronse ao mexillón galego co consecuente barullo e preocupación xeral. Falouse da “crise do mexillón” chegando a temer seriamente polo futuro desta industria. En total, entre o 17 de outubro e o 2 de novembro de 1976, contabilizáronse 308 afectados.
Os síntomas eran os dunha toxina paralizante, a saxitoxina, aínda que naquela época tamén se falaba de “mitilotoxina” por aquilo dos mexillóns (xénero Mytilus). Este tipo de toxinas prodúcenas distintas especies de dinoflaxelados aínda que nun principio todo apuntaba ao noso xa coñecido Gonyaulax (=Lingulodinium) polyedra.
Afortunadamente non houbo mortos e menos mal. Porque non é por nada amigos: a saxitoxina (que provoca a síndrome paralizante, PSP) é considerada arma química pola ONU. É dicir, unha arma de destrución masiva co seu código militar (“axente TZ”). Incluso a CIA experimentou con ela nos anos 50′. A saxitoxina absórbese rapidamente pola mucosa oral e gastrointestinal. Para que comprendan o seu perigo resulta 1000 veces máis tóxica que o cianuro de sodio ó o gas sarín.
Nove días despois das intoxicacións a Xefatura Provincial de Sanidade de Pontevedra recolleu mostras de plancto en Bueu e a ría de Vigo. Enviáronas fixadas en Lugol ao Instituto de Investigacións Pesqueiras (Barcelona, hoxe ICM-CSIC). Alí analizounas Marta Estrada, quen elaborou un informe o 16 de decembro do 76.
No seu informe Marta subliñaba o dominio dun dinoflagelado formador de cadeas (Estrada y col. 1984) que nunca se describira en augas españolas, e para colaborar na súa identificación enviáronse mostras ao taxónomo alemán Malte Elbrächter. Él confirmou o nome da especie a partir do seu parecido cun dinoflagelado causante de intoxicacións en Mazatlán (Golfo de California, México): Gymnodinium catenatum.
Gymnodinium catenatum. © Santiago Fraga Rivas.
Por qué se produciu a proliferación de G. catenatum?
A actividade humana sempre é sospeitosa de achegar o seu “granito de area”, pero é a propia natureza da costa e rías galegas a que goberna o crecemento e cambios estacionales do fitoplancto. Isto coñécese desde os anos 50′, grazas aos estudos de oceanografía e ecoloxía de Fernando Fraga e Ramón Margalef, entre outros (p.ej. Margalef y col. 1955).
As rías forman parte dun sistema de afloramentos que chega ata o noroeste de Africa. Entre abril e setembro predominan ventos do norte que traen ceos claros e impulsan o afloramiento de auga profunda fría e rica en nutrientes cara ao interior das rías. O afloramiento estimula o crecemento de diatomeas, os mexillóns engordan nas bateas e todo isto ten un impacto económico de valor incalculable.
O afloramentos tamén produce néboas marítimas no verán, xa que ao ascender as augas frías e entrar en contacto co aire quente, arrefríano e saturan de humidade. De outubro a marzo dominan os ventos de compoñente sur, que arrastran augas superficiais desde o océano ao interior das rías.
A transición entre ambos os períodos (marzo-abril e setembro-outubro) produce inestabilidade no mar e proliferacións de fitoplancto. Na transición, ao final do verán e a relaxación do afloramento, prodúcese a entrada de auga costeira cálida superficial nas rías e o transporte de poboacións oceánicas e neríticas de dinoflaxelados que se concentran/desenvolven no seu interior (Fraga S. y col. 1988).
A relaxación do afloramento e o afundimento a pequena escala, típicos desta época, son vantaxosos para os dinoflaxelados, que poden migrar verticalmente cara á luz durante o día e cara a augas profundas en busca de nutrientes durante a noite. Con todo, as diatomeas, que na primavera e verán son as “raíñas das rías”, sedimentan moito máis rápido e diminúe a súa abundancia ao cesar o afloramiento.
O que trouxo de bo a marea tóxica de G. catenatum de 1976 foi a creación da rede de vixilancia de mareas vermellas en Galicia, en xaneiro de 1977. Os comezos foron difíciles e os medios precarios. Primeiro o IEO, e logo a Xunta de Galicia a partir de 1992 (Centro de Control do Medio Mariño, hoxe INTECMAR, Vilaxoán) foron os responsables de monitorear a oceanografía, o fitoplancto tóxico e as biotoxinas en Galicia.
EPÍLOGO: No outono de 2016 G. catenatum volveu a ocasionar peches por PSP nas rías baixas, pero agora a situación é moi distinta e ninguén sufriu intoxicacións nin foi sequera noticia na prensa.
Na actualidade, as toxinas diarreicas (DSP: Dinophysis) e amnésicas (ASP: diatomeas do xénero Pseudo-nitzschia) son, por ese orde, as maiores preocupacións para o sector extractivo e as autoridades responsables do control sanitario dos produtos mariños en Galicia. Minimizar os posibles efectos do cambio climático no aumento dos episodios tóxicos e a influencia de factores humanos (debidos á presión ambiental das poboacións costeiras, a actividade turística, industrial, os incendios forestais, etc.) son algúns dos retos que debemos afrontar no futuro.
Dinophysis acuta. © Francisco Rodríguez Hernández.
Para iso necesitamos continuar e impulsar novas liñas de investigación co apoio imprescindible dos sectores públicos e privados implicados, así como avanzar nos métodos de análises e de predición das proliferacións de fitoplancto tóxico.
Non vexo outro camiño para que o marisco galego siga sendo no futuro unha referencia mundial no mercado nacional e internacional.
Referencias
de Buen, O. (1916). Trabajos españoles de oceanografía: campaña del Hernán Cortés este verano. Boletín de Pescas 3: 2-9. Septiembre.
Estrada, M., Sánchez-Conde, F.J., Fraga, S. (1984). Gymnodinium catenatum (Graham) en las rías gallegas (NO de España). Inv. Pesq. 48: 31-40.
Fraga, S. Fraga, S., Anderson, D.M., Bravo, I., Reguera, B., Steidinger, K.A., Yentsch, C.M. (1988). Influence of upwelling relaxation on dinoflagellates and shellfish toxicity in Ria de Vigo, Spain. Est. Coast Shelf Sci. 27: 349-361.
Margalef, R., Durán M., Saiz F. (1955). El fitoplancton de la ría de Vigo de enero de 1953 a marzo de 1954. Inv. Pesq. 2: 85-129.
Margalef, R. (1956). Estructura y dinámica de la “purga de mar” en la ría de Vigo. Inv. Pesq 5: 113-134.
Sobrino, R. (1918). La purga del mar ó hematotalasia. Mem. R. Soc. Esp. Hist. Nat. 10: 407-458.
Imaxe destacada:
Reprodución do cadro de Carlos Sobrino. Fuente: Sobrino, 1918.
Fonte:
Artigo publicado no blog Océano-Ecimat o