O Pergamiño Vindel en Vigo e Galicia para o mundo. As cantigas de Martin Codax exhibiranse no Museo do Mar

Portada » O Parque Nacional » O Pergamiño Vindel en Vigo e Galicia para o mundo. As cantigas de Martin Codax exhibiranse no Museo do Mar

Xul 24, 2017 | ACTUALIDADE

Universidade e Xunta asinan un convenio para o desenvolvemento de actividades paralelas á mostra

O Pergamiño Vindel en Vigo e Galicia para o mundo

As cantigas de Martin Codax exhibiranse no Museo do Mar entre outubro de 2017 e marzo de 2018

Duvi | Vigo 

Cando restan menos de tres meses para a chegada do Pergamiño Vindel a Vigo, na que será a súa primeira exhibición fóra da Morgan Library de Nova York, a Universidade de Vigo e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subscribiron hoxe un convenio para a realización conxunta de actividades, que teñen o obxectivo de achegar á cidadanía de Galicia a obra que contén as sete cantigas de Martin Codax, seis delas coa súa notación musical. “É un fito único para Galicia e Vigo que nos permite poñer a Vigo a Galicia e a nosa cultura no mundo”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que agradeceu no acto celebrado este mediodía na Praza da Reitoría o traballo e apoio de entidades públicas e privadas e particulares que colaboraron coa institución académica para facer posible o retorno do Pergamiño á beira do mar que viu nacer hai oito séculos. O músico Roi Casal foi o encargado de amenizar un acto no que xunto ao reitor da Universidade de Vigo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestaron a súa satisfacción polo retorno da obra de Martin Codax á cidade olívica, “de onde nunca debeu saír”, asegurou Caballero.

pergamino-2Vista aérea do Museo de Mar de Galicia (Foto: Museos de Galicia)

A que está considerada como un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, será a peza central da mostra Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas que se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018. Dividida en sete partes, unha por cada cantiga que integran o Pergamiño, e comisariada polo historiador Francisco Singul, a mostra será o eixo central dun programa de actos no que as actividades culturais e de investigación terán especial protagonismo. Concertos, ciclos de cine e un congreso internacional co Pergamiño como eixo central, son algunhas das accións que valorizarán a presenza da obra de Martin Codax en Vigo. “En setembro presentarase a folla de ruta das actividades de promoción da nosa lingua, cultura e historia”, avanzou Román Rodríguez, que manifestou a súa satisfacción da Xunta por colaborar nun proxecto que é a culminación de dous anos de negociacións entre a Morgan Library, propietaria da obra desde 1977, e a Universidade de Vigo, “que foi moi rigorosa e cumpriu as expectativas da entidade norteamericana”, sinalou o reitor.

Cuestións compartidas que deixan pegada no tempo

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martin Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o Pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

pergamino-1                        O Pergamiño Vindel, datado a finais do século XIII ou principios do XIV

Foi una visita a Nova York da asociación Pertenza a que puxo en marcha un proceso que dous anos despois desembocou na confirmación da saída, por primeira vez, do Pergamiño de Nova York para a súa exhibición. Salustiano Mato lembrou na súa intervención este proceso e agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, concellos como o de Vigo, entidades e empresas, así como da propietaria da obra e a iniciativa da asociación Pertenza “que nos abriu os ollos ante la posibilidade de traer o Pergamiño a Vigo”. O reitor sinalou que son as cuestións compartidas as que deixan pegada no tempo, e destacou a “importancia decisiva de ser galegos” e asegurou que o futuro pasa “por conservar crear e desenvolver todas as actividades que nos moven como pobo”.

pergamino-3A East Room do Morgan Library and Museum (Foto: Morgan Library and Museum)

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez cualificou o retorno do Pergamiño Vindel a Galicia como “un proxecto de país que nos permite ademais crear ao seu arredor todo un conxunto de actividades que permitan que todas as persoas o coñezan”. O conselleiro que se referiu ao Pergamiño como “unha das cartas fundacionais de Vigo” desexou unha longa vida á lingua, á cultura, a Vigo e a Galicia. Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou á Universidade por facer posible o retorno da obra de Martin Codax á cidade, “Hoxe regresa e un día debe volver para quedar porque forma parte da nosa tradición europea”, asegurou Caballero, que se referiu ás cantigas de Martin Codas como “as cantigas da Universidade de Vigo”.

O Pergamiño, ese ilustre descoñecido

No acto celebrado este mediodía na Praza da Reitoría, no que Roi Casal interpretou tres pezas do seu repertorio, incluída unha versión da cantiga Ondas do mar de Vigo, a xornalista Noelia Otero foi a encargada de presentar ás autoridades e tamén de introducir unha serie de vídeos nos que o descoñecemento do Pergamiño por parte da cidadanía contrastaba coa opinión de representantes do mundo da cultura de Galicia. Así, mentres o músico Anxo Pintos considera o retorno da obra de Martin Codax a Galicia “un acontecemento histórico”, a poeta María Lado refírese ao Pergamiño como “a miña tataraboa literaria” e o comisario da exposición Francisco Singul considéraoo como unha “mostra da alta cultura galega na Idade Media”. Pola súa banda, o docente e investigador da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, que lembra que a xénese a da obra de Martin Codax se produciu nun reino forte e poderoso, considera a obra “unha expresión de normalidade en Galicia”.

Pódeche interesar tamén:

O Pergamiño Vindel retorna á beira do mar que o viu nacer

Imaxe destacada: © Pedro Figueras

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos