Un enfoque ético, a viabilidade do ‘turismo consciente’

Portada » O Parque Nacional » Un enfoque ético, a viabilidade do ‘turismo consciente’

Ago 1, 2017 | TURISMO

Unha tese estuda a viabilidade do ‘turismo consciente’

Unha alternativa a modelos tradicionais que busca sacarlle o maior proveito ás vivencias turísticas cun enfoque ético

O ‘turismo consciente’ caracterizaríase fundamentalmente pola cohesión entre a sustentabilidade e a ética, poñendo énfase nesta última co fin de lograr experiencias turísticas nun ámbito de respecto, responsabilidade, ética e consciencia por parte de todos os involucrados da práctica turística.

Así o explicou Eddy Antonio Castillo Montesdeoca na súa tese de doutoramento realizada baixo a dirección da profesora Emilia Vázquez Rozas e do profesor Fidel Martínez Roget e que recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude.

O traballo trata de comprobar, aclara Castillo, que o turismo consciente “é unha alternativa de solución aos obstáculos que presenta o turismo e unha opción para sacarlle o maior proveito ás vivencias turísticas cun enfoque ético”. Mediante técnicas econométricas, a investigación tentou demostrar a importancia do turismo na economía da rexión conformada pola Unión de Nacións Suramericanas (UNASUR) e de Ecuador.

Os resultados deixan constancia de que o sector turístico inflúe positivamente sobre a economía da rexión suramericana e Ecuador. Concretamente, o doutor Castillo Montesdeoca aclara que “a aproximación ao concepto de turismo consciente levada a cabo conclúe que se trata dunha filosofía fundamentada na igualdade e a participación activa de todos os individuos, holística e transversal, que evoluciona do turismo sustentable e no que a compoñente ética xoga un papel fundamental”.

turismo conscienteEddy Castillo no acto de lectura da tese (Foto: SERVIMAV-USC)

De xeito particular, o estudo de caso da cidade de Quito evidencia que “a proposta é aceptada a nivel da demanda turística internacional, ao lograr resultados favorables fronte á definición e caracterización do turismo consciente”.

Ademais, a análise do comportamento dos turistas estranxeiros demostra “a relación positiva existente entre a percepción ética do destino, a imaxe, a calidade, a satisfacción e as intencións de comportamento”, aclara o investigador.

No desenvolvemento deste traballo de doutoramento, Eddy Antonio Castillo realizou unha aproximación profunda ao concepto avaliado mediante un estudo de expertos e a análise da vivencia turística dos visitantes estranxeiros que elixen como destino a Quito. O propósito era identificar o comportamento dos/as turistas con respecto ás relacións que existen entre as variables da ética, a imaxe, a calidade, a satisfacción e as intencións de comportamento para o que se expón un modelos de ecuacións estruturais.

Imaxe destacada: © Javier González Garrido

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos