‘Mergúllate no Océano’ achega un verán máis a ciencia ás praias

Portada » O Parque Nacional » ‘Mergúllate no Océano’ achega un verán máis a ciencia ás praias

Ago 25, 2017 | ACTUALIDADE

Esta iniciativa do Campus do Mar desénvolvese esta fin de semana no areal de A Xunqueira, en Moaña

‘Mergúllate no Océano’ achega un verán máis a ciencia ás praias

Ao longo deste mes, este programa de divulgación mariña trasladarase tamén a Vigo e Baiona

Duvi | Vigo
Achegar á cidadanía os segredos do medio mariño dunha forma entretida e accesible para todos os públicos é o propósito principal de Mergúllate no Océano, un programa de obradoiros promovido polo Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar, que neste mes de agosto efectuará un novo percorrido científico polos areais galegos. A primeira parada será esta fin de semana na praia da Xunqueira, no concello de Moaña, onde permanecerá nas xornadas de sábado e domingo, para logo continuar os días 19, 20 e 21 na praia do Vao, en Vigo, e rematar este mes de actividade no paseo da praia de Ribeira, en Baiona, os días 25, 26 e 27.

g1

Da formación das ondas á comunicación entre embarcacións

No recinto de Mergúllate no Océano os e as visitantes poderán participar en diferentes obradoiros, de entre cinco e dez minutos de duración, nos que grazas a un equipo de monitoras e monitores expertos, poderán achegarse dun xeito divertido a múltiples aspectos vinculados coas ciencias mariñas. Trátase, como sinalan os seu promotores, dunha actividade de divulgación científica que “resultou moi exitosa ao longo de todas as súas edicións” e da que salienta a “elevada calidade e rigorosidade” das diferentes propostas que agrupa.

g2 (1)

A formación das ondas e das dunas, os misterios que agocha un gran de area, a procedencia dos peixes que poden atoparse nos mercados, as comunicacións entre barcos, a problemática da acidificación mariña ou que é un otolito son algúns dos motivos centrais destes obradoiros de carácter gratuíto, dirixidos a combinar o lecer co coñecemento. Segundo explica a organización, as persoas participantes en Mergúllate no Océano poderán ir selando, ao seu paso polos diferentes talleres, un “pasaporte científico” que lles permitirá obter un pequeno agasallo ao completar as actividades do percorrido.

CARTEL MERGULLATE 2016

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos