XIII Xornada formativa para profesionais do sector turístico sobre o Parque Nacional

Portada » O Parque Nacional » XIII Xornada formativa para profesionais do sector turístico sobre o Parque Nacional

Feb 8, 2018 | ACTUALIDADE

Medio Ambiente ofrece 40 prazas para formar sobre os valores das Illas Atlánticas a guías e profesionais do sector turístico

O prazo para inscribirse nesta actividade formativa, que se celebra cada ano dende 2006, comezou hoxe e estará aberto ata o vindeiro 5 de marzo

A xornada estrutúrase nunha sesión matinal de carácter máis teórico e unha visita ás Cíes pola tarde para contrastar sobre o terreo os contidos abordados

Desde a súa primeira edición, xa participaron nesta xornada arredor de 500 persoas con distintos perfís profesionais ligados ao mundo do turismo e a organismos ou entidades en contacto cos potenciais visitantes das illasxorna formativa

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio oferta 40 prazas para participar o próximo 15 de marzo nunha xornada formativa sobre o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dirixida a profesionais do sector turístico. O formulario de inscrición xa está dispoñible na web parquenacionalillasatlanticas e a solicitude poderá presentarse dende o 8 de febreiro ata o 5 de marzo nas oficinas e no Centro de Visitantes do parque ubicadas no edificio Cambón en Vigo, ou a través do enderezo electrónico iatlánticas@xunta.gal

Esta acción formativa, que se vén realizando de xeito consecutivo dende 2006 e na que ata o momento teñen participado unhas 500 persoas, está dirixida a todo tipo de profesionais do sector turístico ao servizo de organismos e entidades en contacto cos potenciais visitantes do parque nacional. Das 40 prazas que se ofertan, 10 quedarán reservadas inicialmente para aquelas persoas que participaran nalgunha das edicións celebradas entre os anos 2006 e 2010 e que desexen actualizar a información sobre os recursos e servizos do parque.

Entre todos os solicitantes, farase unha selección baseada nos criterios estipulados nas propias bases da convocatoria. En todo caso, o perfil dos participantes nas 12 edicións anteriores sempre estivo relacionado co sector turístico de forma directa ou indirecta: informadores en puntos de atención turística, guías de turismo, técnicos de concellos ou organismos vinculados ao sector, traballadores das navieiras que operan nas rutas ao arquipélago, ou persoal de establecementos hostaleiros do entorno das illas.

A relación definitiva de admitidos publicarase na páxina web do Parque Nacional e crearase unha listaxe de agarda para cubrir eventuais baixas, polo que as persoas que consigan praza e finalmente non poidan asistir deberán poñelo en coñecemento dos organizadores o antes posible.

A xornada, de asistencia completamente gratuíta, está estruturada en dúas partes. A primeira, de carácter máis teórico, realizarase no salón de actos do Centro de Visitantes do Parque Nacional, mentres que pola tarde todos os participantes trasladaranse en barco a un dos arquipélagos do Parque Nacional (Illas Cíes) para participar nunha visita na que se contrastarán, de xeito práctico, os contidos abordados durante a mañá.

Un dos principais obxectivos do curso é outorgar aos asistentes ferramentas e recursos que lles permitan proporcionar aos potenciais visitantes deste espazo natural a información máis actualizada posible sobre aspectos como os servizos, a normativa ou a súa xestión. Tamén se pretende transmitir aos asistentes a necesidade de conservación e protección dos valores do Parque Nacional, en particular, e dos espazos naturais protexidos en xeral, así como a importancia que ten o seu labor na transmisión destas premisas aos visitantes.

Neste sentido, desde a primeira edición da xornada buscouse proporcionar aos participantes unha canle de comunicación co Parque Nacional das Illas Atlánticas, de xeito que lles permita propoñer suxestións e actuacións de mellora no espazo, especialmente nos aspectos relacionados coa súa área de traballo.

Imaxe destacada: © Gainzafer

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos